Construír o cambio no imaxinario colectivo

metade de todas as mobilizacións que se realizan na Galiza, e as máis numerosas en asistencia, teñen unha relación directa co mundo do traballo. 
Son a primeira preocupación para as clases populares, aínda que despois perda dimensión nos medios, e nos programas dos partidos políticos, mesmo os de esquerda, a diferenza de hai algunhas décadas. 
É unha consecuencia máis da caída do “socialismo real” e da hexemonía da globalización neoliberal, do capitalismo. Daquela que unha gran parte da clase traballadora, desempregada e precarizada, e con salarios ínfimos, que no esencial realiza traballos manuais, non milite politicamente, e opte pola abstención nos procesos electorais, en prexuízo das forzas antisistémicas.
Existe unha ruptura entre as necesidades e os desexos dos sectores máis golpeados da sociedade, que se esforzan acotío por saír da poza, e a mensaxe e os programas dos partidos que teorizan como representalos. 
Coidan estas forzas que abonda con describir as desigualdades e as dificultades da clase traballadora. Algo sobre o que os/as afectados poderían escribir teses: padéceno acotío. Mentres se converten en consignas ambiguas (como a dun traballo digno), as propostas de cambio, sen concretar as medidas e as tarefas para conseguilo. 
Por exemplo: un salario mínimo suficiente, eliminar as contratacións temporais e horas extras, perseguir aquelas empresas que non pagan e cotizan por todas as horas traballadas ou que fomentan os falsos autónomos; que as melloras dos convenios de ámbito superior se teñan que aplicar nos de ámbito menor; campañas de divulgación e mobilización constantes.
Sobre estas e outras propostas e tarefas concretas, hai que realizar o debate, para estabelecer pontes, e ligalas co papel subordinado que xoga a economía e a cultura galega (a cuestión da soberanía popular e nacional). 
Sumándolles a nacionalización de sectores como a enerxía, telecomunicacións, banca e transporte, que son servizos públicos esenciais. 
Trátase de termos unha economía sustentábel, autocentrada, ao servizo do pobo. 
Para construír o cambio, o primeiro, é darlle vida no imaxinario colectivo das clases que o necesitan.

Construír o cambio no imaxinario colectivo

Te puede interesar