As tres crises

Existe unha crise económica e social, que se expresa na especulación, na corrupción, na desigualdade entre nacións e entre clases sociais, na precariedade e a pobreza, e na desfeita da natureza. Unha crise que non se pode agochar nen canear co avance tecnolóxico, malia todas as súas virtudes e marabillas. 
Hai tamén unha crise democrática, xa que a vontade da xente e dos pobos conta menos que a das corporacións e potencias. 
As votacións son unha formalidade e os programas dos partidos sistémicos caducan ao día seguinte das eleccións. Dáse unha utilización crecente do poder xudicial, como instrumento para dirimir as cuestións sociais e políticas. Chama a atención a celeridade coa que se resolven certos temas, e a eternización dos procesos e a debilidade das condenas, noutras. Sempre en beneficio dos poderosos e dos centros de poder.
E temos finalmente unha crise da cuestión nacional. Xa que o insuficiente Estado das Autonomías perdeu contidos, tanto pola LOAPA, como pola recentralización de competencias. 
Tamén polas transferencias á UE e a aplicación da lexislación que esta adopta, sen ter en conta as especificidades de cada un dos estados e nacións que a integran. 
Dise que estas tres crises, propias dun sistema que non dá respostas á maioría, foron recollidas en Catalunya polo movemento a prol da independencia. 
É unha teoría que ten consistencia. Ademais, a diferencia da etapa da transición, as clases dominantes non teñen, ou non están dispostas a ofrecer, unha alternativa para lograr unha ampla alianza político e social para resolver todas ou parte destas eivas. 
Tampouco se pode esquecer, que o réxime do 78 non solucionou as contradicións de fondo, tanto sociais como nacionais, polo que agora agroman con máis forza coa globalización neoliberal.
A proposta de Podemos e do PSOE de negociar coa Generalitat semella condenada ao fracaso, para alén de que o Goberno faga unha escenificación dirixida á galería. 
O conflito tampouco rematará con máis represión, nen con acordos de cúpula, xa que colocou na conciencia colectiva a cuestión nacional; mais tamén a república, a participación popular, e a redistribución do traballo e da renda. 

As tres crises

Te puede interesar