Xulia

Leo detidamente o artigo titulado “Todas somos Diana Quer” que subscribo na súa totalidade. Está escrito por unha rapaza nova, intelixente, estudosa, sensata e guapa, sobre todo unha muller do seu tempo. Tivo a xentileza de mandarmo para coñecer a miña opinión sobre asunto tan controvertido e tan de actualidade. Eu a pesares dalgunhas afirmacións que parecerían radicais en exceso senón foran froito da carraxe que lle producen os feitos que ela mesma describe, relacionados co tráxico caso da xove madrileña, animeina a envíalo ao Diario de Ferrol para ser publicado nesta sección de Opinión.
Penso que o seu sentimento, o seu parecer, é o reflexo do sentir de tódalas rapazas do seu entorno e da súa xeración fronte a este e tantos outros crimes que acotío estamos fartos de ler, ver e ouvir na prensa e demais medios de comunicación, cunha frecuencia máis que desacougante. Estou seguro de que este seu artigo servirá para facer meditar a moitas mulleres que sofren en silencio a barbarie, as humillacións e os abusos de todo tipo duns homes, verdadeiros depredadores, que agora ata maltratan e violan en equipo de tres, catro ou cinco. Aí temos sub-iúdice o caso flagrante dese grupo de energúmenos auto nomeado La Manada que, para maior escarnio, semella que están a crear escola. Uns e outros non son merecentes de outro hábitat, unha vez convictos e confesos, que a cadea perpetua, ...a perpetuidade. Todo isto é a consecuencia do mundo, cada día máis frívolo, que estamos a vivir, onde tantos valores se están perdendo, a educación, a honra, o sentido do deber, o amor e o respecto aos nosos maiores e aos nosos semellantes, que outrora se nos inculcaban, desde que eramos moi novos, tanto no ámbito familiar como na escola.
Meus parabéns Xulia polo teu moi axeitado, acertado e oportuno artigo e, por riba de todo, pola túa afouteza para publicalo. Non cambies nunca, que a serenidade que demostras aos teus pouco anos, goberne tódolos feitos da túa vida.
Unha aperta e un bico moi grandes do teu avó.

 

Xulia

Te puede interesar