Verbas galegas e apócrifas

Práceme recoller aquí algunhas das verbas e sentencias que adoito empregar nos meus apuntes. Unhas están no dicionario e outras, que eu chamo apócrifas non, pero todas elas pertencen ao acervo cultural galego e moitas ao meu entorno familiar. O seu significado depende ás veces da entoación e do contexto en que se fala, tal é o xeito de ser e de expresarmos os galegos, os de aquí e os de acolá, eses que baixan ou soben escaleiras pero sempre sabendo moi ben en que chanzo están e tamén o que están a facer e a falar.
Velaquí vos deixo unha pequena escolma: Abofé: A fé, certamente, sen dúbida. Acaer: Caer e sentar ben. Cadrar. Acotío: Tódolos días, sempre, moi a miúdo. Agora xa foi, Marica non chores: Moi expresivo consello sobre todo cando un mozo trata de consolar a súa moza, .... por poñer un exemplo. Aí falaches: Para aplaudir a un paroleiro. Empregase máis ben en tonirónico. Amodo: Amodiño, paseniño, con xeito. Argallar: Dispor, gobernar cousas de pouca importancia. Argalleiro. A vergonza do galego: O derradeiro anaco de polbo, xamón..., etc, no prato. Brincadeira: Broma, esmorga, troula, carallada. Carallada: Cousa mal feita. Esmorga. Chámalle burro o cabalo: Réplica burlona a unha opinión dubidosa. Chegar e encher: Acadar algo sen esforzo. Conamplas: Forma descafeinada para quitarlle ferro a un palabro moi ferrolán. Cousas veredes que non creredes: Dito falsamente atribuído a Don Quixote. De hoxe nun ano: Despedida con desexo de boa sorte. Deus é bo e o demo non é malo: Unha vela a Deus e outra ao demo. Doado: Fácil, simple, sinxelo, sen esforzo. Enxebre: Puro, sen lixo, lexitimo, característico do país. Enxebreza. Esmorga: Brincadeira, troula, carallada. Esmorgante. Espantallo: Home ou muller vestidos de xeito rechamante e ridículo. Fantasmón. Estar aviado: Estar amolado, estar con problemas. ¡Estámosche ben! Estar de bo ano: Estar ben de saúde, estar groso. E ti, de quen ves sendo?: Pregunta que se lles fai a un neno en casa allea. Fervellasverzas: Tamén fervello, persoa moi inqueda, que non ten acougo. Gaivotas en terra: ...mariñeiros á merda. Galiñas serán pero chéirame a can: Díxoo o raposo cando lle argallaron unha trampa co can agachado debaixo dun goxo. Saudade: Sentimento serio e profundo moi propio de nós os galegos, mistura de señardade, soidade, morriña e nostalxia. Xunto con Nai e Pai unha das verbas máis fermosas da nosa fala. Si muller si: Resposta a unha muller para rematar unha discusión bizantina. Tales terras, tales nabos: Tales pais, tales fillos. Tanto me ten: O mesmo que tanto me da. Indiferenza. Trapallada. Cousa mal feita. Tamén trangallada e chafallada. Trapalleiro. Túzaro: Cazurro, insociable, rabudo. Vaiche boa: Tamén érache boa, teñen ámbalas dúas certa connotación negativa. Xeira: Rolda, ocasión. Xeito: Modo, maña, garbo, coidado. Xeitoso, axeitado. Xilgareta: Rapariga nova, inqueda, vivaz alegre e coqueta.
Abofé que quedan moitas outras no tinteiro, de calquera xeito, deixarémolas, se cadra, para outra xeira.

Verbas galegas e apócrifas

Te puede interesar