As vellas y queridas cancións

Será porque hoxe se celebra a noite máxica das Pepitas polo que me veñen estes recordos doutros tempos máis venturosos, ou será só cousa da nostalxia. Cantar é para min unha das máis gratificantes manifestacións humanas. Cantar en grupo, en familia e mesmo cos amigos, é algo que sempre me emocionou. Eu era moi cantaruxeiro nos meus tempos de xuventude, cando me sentía feliz saíanme de moi dentro as cancións e sobre todas as que cantaban os meus moi queridos pais. Gustábame Gardel, ¿como esquecer aqueles vellos e arrastrados tangos mil veces reproducidos naquel vello tocadiscos da casa?, aquel Patotero que era “rey del bailongo y sentimental”. Recordo asemade unha romantica canción, non sei si portuguesa, que cantaba miña nai e que dicía máis ou menos así:
“Eu era virxe cando fun ao prado/ a facer un ramo pra adornar meu peito,/ e foi daquela que te quixen tanto,/ cando meu ramo se quedou desfeito...”. 
Como esquecer a Rosalía, unha muller que tiña unha estrela na fronte e no bico un cantar, a Pondal que nos falou dos rumorosos das costas verdecentes, a Miguel de Molina, coa súa “Bien pagá”, a Nino Bravo que nos falaba de liberdade naqueles tempos na que esta palabra estaba proscrita, ao mesmo Julio Iglesias que lle cantou a Galicia ¡ei!, e a tantos outros sen esquecer á gran Rocio Jurado, unha muller de sete estalos, coa súa rompedora e valente canción titulada “El clavel” ou mesmo a Joan Manuel Serrat o cantor do Mediterráneo.
En Ferrol, noutros tempos xa idos, cantábase nalgúns bares as vellas cancións ferrolás . Recordo con especial agarimo O Chollo na rúa San Carlos, no corazón do barrio de Esteiro, gobernado por Gerardo, o dono, detrás da barra, Nori dirixindo o coro e o reloxeiro Losada a cargo da guitarra.  Entre cunca e cunca de ribeiro xurdían as cancións de xeito espontáneo, unhas detrás de outra, entoadas polos seareiros., a maioría deles traballadores da Bazán, cancións que, ás veces, ata tiñan a súa mensaxe reivindicativa como aquela que dicía;
“No hables mal de tu marido/ mujer de malos sentimientos.../ ou aquela outra que encomezaba:/  Había un baile en Esteiro/ que co neboeiro non se vía o sol...”. Pero disto xa hai máis de medio século.
Para rematar aquí te deixo hoxe, como un galano, esta fermosa canción mexicana aprendida e mil veces cantada en días de viño e rousas que nunca esquecerei.
“A donde irá veloz y fatigada/ la golondrina que de aquí se va/ por si en el viento, se hallara extraviada/ buscando abrigo y no lo encontrará”.

As vellas y queridas cancións

Te puede interesar