Saudade, un galano, unha aperta e un sorriso

pasado sábado 24, dia de San Xoán, estiven a pescar nos peiraos da Graña. Facía tempo que non ía, exactamente dende o mes de novembro do 2016. Abofé que necesitaba estar só ao aire libre que é o mellor modo de aturar as preocupacións e outras coitas, sen estridencias, sen berros e sen discusións bizantinas. Dun ou doutro xeito un acaba sempre, máis cedo ou máis tarde, ficando só. A saudade, como a soidade, é cousa persoal e intransferíbel que non se pode compartir. A pesca é un bo xeito de relaxación e este era o fin último, necesario e urxente, neste día que tantos recordos me fai evocar. Precisaba fuxir da depresión que, aos meus anos, é unha ameaza latente e perigosa. Pero abonda xa de lamentacións que non levan a ningures e, por riba, non quero amolar a ninguén.
Estiven moi entretido porque aínda non perdín as mañas de todo e algunha peza caeu, sargos e robalizas que, recen saídas da auga, semellan ser de prata. De súpeto tiven o galano inesperado da impoñente presenza de tres fragatas da Armada, maxestosas no seu lento navegar, xa dentro da nosa fermosa ría, na procura do seu acubillo na dársena do Arsenal Militar. A súa contemplación levoume a rememorar os meus tempos de xuventude cando eu tamén andaba no mar e mesmo esoutros anos de traballo na antiga Bazán. Dei en pensar que estas fermosas fragatas F-100 son herdeiras daquelas DEG-7 dos anos setenta do século pasado que con tanto agarimo construímos en estreita colaboración coa Armada, e sentinme orgulloso da miña achega, do meu traballo no departamento de armamento, quer dicir a pé de obra, gobernando homes e material. Agora xa podo falar así, sen risco de pecar de vaidoso. Moitas vivencias pasaron entón pola miña cabeza, moitos homes, compañeiros e amigos para sempre, que fixeron posible e fixaron as bases das novas tecnoloxías que levaron á Bazán, hoxe Navantia, a ser un dos mellores estaleiros do mundo, sen ningunha dúbida. Esta experiencia e estes coñecementos non se poden perder, ¡baixo ningún concepto!, así que adiante coas F-110 e sorte cos contratos con Australia. Está en xogo a supervivencia da empresa e mesmo da cidade de Ferrol.
As nove e media do serán recollín os meus aparellos e aínda emocionado polo agasallo recibido emprendín o camiño de volta ao fogar pensando, un pouco máis acougado, que cada idade, como cada día, ten o seu afán. 
Dende a saudade, aí vai unha aperta forte para os que ben me queren. Para os outros, abonda cun sorriso.

Saudade, un galano, unha aperta e un sorriso

Te puede interesar