O río do Barranco da Loba

Aló no mais alto, onde a Serra da Loba se xunta co Cordal de Montouto, roldando os setecentos metros de altitude, froito de choivas, de neves e de brétemas, comeza a súa canción este meu río Cambas, chamado tamén río do barranco da Loba. Conta a lenda que nas noites de inverno, cando a neve cobre a paisaxe enteira, se oe ouvear unha loba, seica unha muller enfeitizada, clamando vinganza pola traizón dun home e pola morte dun fillo. Traxedias bárbaras que ocorren en terras bárbaras. Augas limpas e cristalinas que descenden cantaruxando monte e penas abaixo ata xuntarse co Mandeo, moi preto da ponte de Aranga, onde un monolito recorda os fusilamentos da incivil guerra do 36. O seu afluente máis sobranceiro é o río da Palanca onde ademais dunha fermosa fervenza pódense ver os refugallos dunha central eléctrica de hai máis de cen anos. Ao longo do seu recorrido, atravesa tres pontes, a das Ovellas, a da Roda Maía no Barreiro e a de Reboredo. Tivo antigamente vocación de muiñeiro, aínda hoxe se poden contemplar as ruínas dunha ducia de muíños que xa non moen nada anque conservan os restos dos trebellos utilizados na moenda. Humildes construcións de pedra a beira do río que tanto protagonismo tiveron na vida das aldeas noutros tempos xa idos para sempre:
Unha noite no muíño, unha noite non é nada,
unha semaniña enteira, esa si que é muíñada
O Pozo do Castro Rodicio é un lugar cheo de misterio. Fala a lenda oficial dun rodicio de ouro e dun encanto que o crego de Aranga non foi quen de desencantar. A mín contoume un vello, tomando uns netos na taberna da Gallada, que sendo el un rapaz novo tentaron medir a súa profundidade cun adival o que non conseguiron porque saíron todos fuxindo cando oíron o son dunha gaita que soaba debaixo da terra. Cousas doutros tempos que hoxe non teñen moito creto. Sete ou oito quilómetros de recorrido dende o seu nacemento ata a súa comuñón co Mandeo o que fai paseniño, despois de deixar atrás unha paisaxe fermosa e antiga co sabor das cousas que aínda non foron estragadas polo que chamamos civilización. Eu que, en tempos máis ledos, tantas veces o fixen, recoméndovos este recorrido. Só fai falta unha boa merenda, agradable compaña e... unha bota de viño, que o río da moita sede.

O río do Barranco da Loba

Te puede interesar