Outubro 2017

Este malfadado mes de outubro do 2017 ímolo recordar durante moitos anos e non por cousa boa. Aquí vos falo dalgunhas das eivas que nos deixa, aínda non resoltas de todo. España, Cataluña, Galicia e Ferrol, non van ben.
En Cataluña, catro visionarios desnortados están empeñados en declarar a independencia malia as connotacións tan negativas que xa estamos a sufrir tódolos españois, empezando polos propios cataláns. Aprobada polo Goberno a aplicación do artigo 155 da Constitución, a pelota está no tellado. Apelo, unha vez máis ao sentido común de uns e de outros. As perdas materiais xa se están producindo, esperemos que non cheguen a producirse vítimas persoais.
Cando estou a escribir estas liñas, despois de moito marear a perdiz, o Govern. contra toda razón aproba a declaración unilateral e ilegal de independencia. Acto seguido o Senado da luz verde ao 155. Reunión urxente do Goberno, cesados todos os protagonistas do independentismo. Eleccións en decembro 21. Xa veremos a onde nos leva todo isto.
En Galicia outra loucura, a dos incendios forestais, con lumes nas catro provincias. A maioría deles provocados e favorecidos pola falta de choiva e polo estado de abandono dos nosos montes. Responsables directos catro descerebrados con non sei que razóns e intencións. Co-responsable a Xunta de Galicia por non atender como é debido á limpeza e a vixilancia dos montes. Cárcere para os primeiros e un toque de atención ao Presidente do Goberno galego, de cara as próximas eleccións.
En Ferrol, concretamente na antiga Bazán, hoxe Navantia, levamos vinte días de folga. Non sei cales son exactamente os motivos pero, sen menoscabo das lexítimas reivindicacións económicas, sería bo que os responsables reflexionaran e tiveran en conta a mala imaxe que está a  dar ao mundo nuns intres en que temos en xogo a firma de moi importantes contratos. De feito xa se perderon miles de horas de traballo por mor do paro. Falaba o xornal da posibilidade de cerrar a Empresa o que significaría a desaparición de Ferrol como a principal base naval do país.
A Catalás, Galegos e Ferroláns, prégolles que non xoguen con lume porque estas situacións non fan máis que arruinar ao país e con el á xente do común que so quere vivir e traballar en paz. No persoal tampouco este foi un bo mes, pero non teñades medo que non vos vou a amolar coas miñas coitas. Só dicir que deben andar tódalas meigas soltas porque, anque eu non creo moito nelas, disque habelas hainas.

Outubro 2017

Te puede interesar