O Procés

on é doado comprender esta carallada (con perdón) que argallaron os independentistas cataláns do Goverment. O que si está meridianamente claro son os prexuízos sociais e económicos que acadaron en Cataluña e aínda no resto do país e por riba a imaxe terceiromundista proxectada de cara ao mundo enteiro.
Que agora veña esta xente, cunha pouco convincente volta atrás, que non arrepentimento, dicindo que non estaban preparados, que non era o tempo axeitado, leva a  pensar que todo foi un ensaio, mesmo unha primeira etapa, estudada e calculada, do chamado procés, a espreita dun futuro máis propicio para os seus disparatados soños. 
Quer dicir isto que a súa intención é seguir adoutrinando as xentes, empezando polos cativos nas escolas, na súa teima pola independencia.
Non sei quen vai gañar as eleccións do 21 de decembro, nin cales serán as súas consecuencias, o que si teño claro é que o Goberno de España ten a obriga, tal como están as cousas e gañe quen as gañe, de intervir na política de Cataluña e dos cataláns saíndo ao paso das arelas independentistas, dirixidas por uns poucos descerebrados, ata de agora minoría, facendo o que non se fixo dende o comenzo da transición democrática.
Veñen a conto estas reflexións despois de ler as opinións expresadas por unha voz tan autorizada como é a de Fernando Ónega no seu artigo titulado “Cataluña, estrategias de largo plazo” publicado na Voz de Galicia o 17 de novembro, coas que coincido ao cento por cento.
O problema non so non está resolto senón que levará anos, sangue, suor e bágoas chegar a unha solución. 
O Goberno central ten que saír ao paso e adiantarse as seguintes etapas que, sen dúbida, Puigdemont e os seus compañeiros de viaxe teñen programadas na súa entolecida axenda, de agora en adiante. ¡Cousas veremos!
Penso que sería bo nomear unha comisión permanente conformada por representantes políticos non separatistas co gallo de facer un seguimento da situación para controlar e rematar cos afáns independentistas dunha parte, repito que minoritaria, dos cataláns, saíndo ao paso asemade de tentacións semellantes noutras autonomías.

O Procés

Te puede interesar