¡Nunca máis!

A pesares dos anos transcorridos, aínda hoxe non é doado falar dos tempos da ditadura sen que te tachen de roxo. Vaia por diante que eu non son nin roxo nin azul, nin nada semellante. Anque ben podería se quixera, hai moito tempo que me fixen a promesa de non falar do ditador porque penso que a mellor solución para o noso país, patria común e indivisible de tódolos españois, é o esquecemento. Xa se encarga a historia de poñer as cousas no seu sitio.
Nembargantes, con motivo do culebrón xurdido estes días coa máis que discutible  propiedade do pazo de Meirás, óense unhas cousas que mesmo parece que tratan enganar e de provocar á xente. Está moi claro de que xeito lle foron “regaladas” as torres e os terreos adxacentes ao entón chamado caudillo invicto. Hai bibliografía dabondo hoxe en día, dispoñible e fiable, para coñecer a realidade do que aconteceu antes, durante e despois da desfeita do 36, nun e noutro bando.
Falaba o outro día o xornal da inmensa fortuna acumulada pola familia e dos amaños e apaños que fixeron para acadala e aumentala, e iso tamén é incuestionable. A corrupción ten, sen dúbida, un longo recorrido no noso país. A sombra do ditador é alargada e ao seu carón viviron e medraron, aínda viven e medran, moitos oportunistas. 
Que ninguén se me alporice, eu nin invento nin descubro nada novo, todo está nos libros, nos xornais, na Internet e por riba de todo no sentimento de moita xente que aínda recorda con horror, e con medo, aqueles tempos de apocalipse.
“Os pobos que esquecen a súa historia están condenados a repetila”. A frase sen autor coñecido foi utilizada dende Aristóteles ata Winston Churchil. Non esquezamos a historia pero si esquezamos ao ditador, a guerra incivil, a roxos e azuis dunha vez para sempre que xa vai sendo hora e, tal como está a cousa aí fora, boa falta nos fai.
Ven todo isto a conto porque hai uns días na TVG dous anacrónicos persoeiros da anacrónica FFF fixeron apoloxía do ditador co gallo de reivindicar a súa figura. Dicir que o ditador nunca fusilou a ninguén é amolar e remoer as feridas, aínda abertas, de moita xente que sufriu nas súas carnes a represión salvaxe, a caza do home, que se organizou en todo o país despois da incivil guerra. Como boa praxe democrática cumpriría que tiveran a súa correspondente réplica no mesmo escenario e con ela poñer punto final ao debate dunha vez para sempre.
É ben certo o refrán que di que cada un fala da feira tal como lle foi nela, pero tamén o é que a uns lles foi mellor ca outros.
 ¡NUNCA MÁIS!

¡Nunca máis!

Te puede interesar