MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA NAVANTIA

A intención deste apuntamento, con título roubado, é saír ao paso do artigo de Eduardo Picallo do domingo 13/04/2014 sobre a situación actual en Navantia. Xa teño falado de xeito semellante das ideas que alí se propoñen. Eu aínda iría máis lonxe na procura de solucións: Cos países interesados polo LHD, polas fragatas F-100 ou por calquera outro barco construído en Navantia, negociaría a venda ou cesión dalgunha das unidades actualmente en servizo na nosa Armada e cos cartos acadados construiría outras novas, se cadra máis modernas. A grandes males, grandes remedios. A meta sobranceira é solucionar o grave problema do paro e salvar a Navantia do peche definitivo, o que significaría practicamente a desaparición de Ferrol como unha das grandes cidades de Galicia. A crise pasará sen dúbida, pero moito me temo que cando se supere o que agora nos afoga, sexan irrecuperables os logros dun pasado mellor e entre eles os nosos estaleiros perdéndose ademais dos postos de traballo toda a experiencia acumulada durante tantos anos construíndo os mellores barcos do mundo. Así que sr. Rajoy, sr. Feijóo, señores dos gobernos central, autonómico e municipal, señores da oposición, eríxanse todos en paladíns das ideas apuntadas polo sr. Picallo. Se non o fan así, han pasar á historia coa dubidosa honra de ser os homes que pecharon os nosos estaleiros para sempre. Se acaso non se deran vendidos eses barcos a construír contra o almacén, cousa pouco probable, non se amolen, pensen que máis se perdeu na guerra de Cuba, na incivil guerra do 36 ou, para falar de algo máis achegado, no aeroporto de Castellón, ese que unha vez rematado so lle falta ter tráfico de avións. Ferrol e os seus estaleiros significan moi pouco para o Goberno de Madrid. Sete ou oito mil parados máis non é unha cifra relevante fronte a cinco millóns. Por outra banda, con toda seguridade hai persoeiros no Goberno e na oposición que non saberían situar á nosa cidade no mapa de España. É por todo isto polo que somos os ferroláns os que temos que defender, con uñas e dentes, o que é lexitimamente noso, como así o testemuñan máis de trescentos anos de construción naval.  Como digo, mil primaveras máis para Navantia, así nolo demandan os nosos fillos e netos e os descendentes dos seus descendentes.

MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA NAVANTIA

Te puede interesar