MIGUEL, ALMIRANTE, PINTOR, POETA E AMIGO

Coincidín con el nos anos 1958/1961 na Escola Naval Militar de Marín. Alí compartimos, ademais dos estudos, gardas, plantóns e algún que outro arresto. Dende o primeiro momento houbo certa sintonía entre nós o que era ben doado con un rapaz nobre, intelixente, directo e sen dobreces Cando saímos da escola naval, a vida levounos por camiños ben distintos e salvo encontros esporádicos nalgún porto non volvemos a coincidir ata o ano 2004, xa xubilados os dous. Unha extraordinaria capacidade de traballo permitiulle compaxinar as súas dúas grandes paixóns, o mar e a cultura. Na Armada acadou, por méritos propios, os máis altos postos. Despois de varios anos de servizos a flote e de moitos días de mar desempeñou, xa de almirante, destinos sobranceiros en España, en Portugal, en Alemania e en USA. Retirouse despois de representar ao seu país na Alianza Atlántica. Por onde pasou deixou, amigos para sempre. No eido das artes, unha gran cantidade de cadros, libros, poesías, exposicións e conferencias dan boa fe da súa labor incansable a prol da cultura. Son de destacar os libros de debuxos do seu Vigo natal e do seu Ferrol de adopción onde amorosamente nos mostra fermosas acuarelas dos recunchos máis emblemáticos de ambas cidades. Como non podía ser doutro xeito tamén dedicou un libro ao buque escola da Armada J.S. Elcano no que navegou nos anos mozos, recollendo en moi traballadas acuarelas escenas de manobras e da vida a bordo. No ano 2004, xa xubilado, estableceuse na vila da Graña onde nunha atalaia que mira ao mar de Ferrol construíu o seu estudio, proxectado pola súa filla como gustaba dicir sempre con moito orgullo. Converteuno no seu sancta sanctorum, encheuno de libros, de cadros, de cores, de música e de poesía e dedicouse a pintar tódolos días, acuarelas, óleos, sanguinas, acrílicos e outras moitas técnicas que gustaba experimentar. Encheuno asemade de amigos. Eu adoitaba visitalo de cando en vez. Era un verdadeiro pracer compartir con el  vivencias doutros tempos así como as súas experiencias polo mundo adiante. Quédanme ademais dos seus libros, o tesouro impagable do retrato que me fixo, de xeito espontáneo, nunha destas visitas e, por riba o recordo inmorrente dun home que foi bo e xeneroso durante toda a súa vida. Dende estas liñas, á súa familia meu moi sentido pésame.

MIGUEL, ALMIRANTE, PINTOR, POETA E AMIGO

Te puede interesar