Lembranzas (e II)

ado que as troitas non se animaban, deixámolo río sobre das sete do serán e por un sendeiro atallamos o camiño andado pola súa beira en procura da estrada asfaltada. O rodeo foi máis ben grande e fomos dar a parroquia de San Martiño de Bra onde o tempo semellaría terse definitivamente detido na idade media se non fóra polos letreiros da Coca-Cola, os coches aparcados nas palleiras de cada casa e as antenas da TV sobor duns tellados que eu apostaría que son máis ca centenarios.
Unha mulleriña dende dentro da corte das vacas indicounos o camiño para chegar a estrada, camiño cheo de “lubrio”, como diría o admirado Anxel Fole que tan ben coñeceu e tanto amou estas terras, atravesando o cal facíame eu, ou faguiame, como din por alí, a seguinte reflexión: Esta muller que ve a TV, posto que non lle falta a antena no tellado, ¿que pensará, dende o seu xeito de vida entre toxos, lama, vacas, bostas, frío e outras cousas que non digo para non amolar máis, que pensará repito, cando sae no aparello poñamos por caso a Ánxela Chaning, a do Falcon Crest?
Cerraba xa a noite cando chegamos a estrada principal e o termómetro baixaba por momentos ao mesmo tempo que comezaba a chuviscar ou nevar que non estou moi certo. 
Seguro que pola noitiña a temperatura baixou de cero grados, e estamos rematando abril! Ao lonxe divisábase a torre da parroquia de Carlin que, na distancia semellaba un monolito cravado na terra dende o principio dos tempos. Terras fortes, bravas e duras, fermosas para o viaxeiro anque non sei se pensarán o mesmo os que viven nelas.
Nós chegamos ao coche, puxemos a calefacción, unha casete do Luciano Pavarotti e emprendemos o camiño de retorno prometendo voltar pronto, a ver se coa mellora do tempo se pode pillar algunha troita que, como as meigas, habelas hailas”.
”Atalaia da Chaira”, Lugo, 2 de maio de 1990. Só pasaron vinte e sete anos, coma un lóstrego!

*Lembranza segundo o Xerais da Lingua é a pegada que algo do pasado deixa na memoria e que ven a ela nun momento determinado. Por enriba de todo, engado eu, en tempos de saudade, señardade, soidade, morriña e nostalxia que son, todas elas, moi fermosas e suxestivas verbas da nosa moi fermosa fala, a lingoa proletaria do meu pobo que cantou un poeta deitado frente ao mar.

Lembranzas (e II)

Te puede interesar