Futboleiros

O mundo do fútbol semella ás veces estar poboado, dalgún xeito, por deficientes  mentais e refírome, non só aos xogadores senón tamén a presidentes, adestradores, directivos, comentaristas deportivos, chupópteros varios e mesmo aos seareiros. Só así se pode explicar esta admiración, adoración e papanatismo desmedidos polos clubs e polos seus principais protagonistas que, con moi pouca ou nula formación en moitos casos chegan a crer que son, esporeados polos fanatismos, como deuses.
A min gústame o fútbol, de feito xoguei a el na miña xuventude, como tódolos rapaces do meu tempo, por iso os comentarios que se oen e se leen ás veces nos medios de comunicación por un partido, unha xogada ou un gol marcado por un deses chamados agora cracs, fanme rir e cabréanme ao mesmo tempo. Por poñer un exemplo, aquel gol de Zidane, actual adestrador do Real Madrid, en Glasgow, final da copa de Europa do 2009 foi, segundo a prensa especializada unha “volea inversa con efecto contrario”, e por riba cualificado de xenialidade e de obra de arte. Cabe máis retórica para unha patada afortunada ao tamén chamado esférico?
Eses cualificativos actuais como a BBC ou a MNS, que argallou algún cranio privilexiado para nomear aos tridentes dos dous equipos máis sobranceiros da liga, son tamén un exemplo da simpleza imperante, que fai rinchar, renxer e rechiar os dentes. A ti lector, non te cabrean eses desfiles de coches de alta gama cos que van a adestrar as grandes figuras dos grandes clubs? Non son para cabrearse esas novas nos medios onde nos contan que Messi celebrou o seu aniversario con non sei cantas botellas de Vega Sicilia exclusivo, a razón de 2.000 euros cada unha. Hai algo máis ramplón e de peor gusto? Que teñen que pensar de todo isto os moitos millóns de mileuristas que temos no pais por non falar dos case catro millóns de parados? Abonda xa de alharacas, ditirambos e falando en ferrolán enxebre, de tantas conachadas que utiliza acotío a prensa especializada, a máis lida do país, ¡válame Deus!. Como dicía un vello e querido profesor, ¡por favor, un pouco de ecuanimidade e de sindérese! Hoxe o apunte saíu de peloteiros, outro dia, se cadra, falaremos de pelotazos que a cousa está que bota chispas, sen dúbida por efecto da electricidade.

Futboleiros

Te puede interesar