Falar ben

stamos a vivir un tempo cada vez máis frívolo, ramplón, maleducado e groseiro. A primeira consecuencia desta situación, págaa a fala, o ben falar. Non me refiro só aos máis ou menos inocentes tacos de toda a vida senón a certas expresións que mesmo feren os oídos e fan renxer os dentes. O máis grave de todo é que a cousa é contaxiosa e, por riba, crea adicción.
“Os tempos cambian que é unha barbaridade”, o que antes eran blasfemias, que atentaban contra a lei, a moral e a orde, hoxe disque é falar de xeito coloquial. Á hora de blasfemar, vale todo, Deus, relixión, familia, nada está a salvo das que eu chamo bocas de ferro. 
Aínda que me resisto a poñer aquí algunhas desas expresións pseudo coloquiais, teño que facer unha excepción coa derradeira xoia que semella estar de moda aí fóra, rizando o rizo do mal gusto e da barbarie lingüística. 
Trátase da expresión “Puta Madre”, (mesmo arrepía escribila), que tanto gusta de utilizar certo adestrador de fútbol, ese xenio que dirixe os partidos coas mans metidas nos petos. 
Seica unha cousa é “...de P... Madre”, cando xa non pode ser mellor, agás no seu grao superlativo que tamén se usa. ¿Somos realmente conscientes do contraditoria, brutal e sobre todo antiestética que é esta expresión, cada vez máis utilizada pola nosa xuventude, nenos e nenas incluídos?
Que se fixo, que se está a facer coa educación, o bon gusto, a cortesía e o ben falar? Eu penso que se fai necesaria unha campaña contra a utilización de verbas e frases malsoantes cando non verdadeiras blasfemias, que comence na escola e se estenda a tódolos ámbitos do cotián.
Noutros tempos, non moi afastados, había nas estacións de ferrocarril, á vista de todos, uns letreiros que dicían algo así como: “Hablad bien, la ley, la moral y el orden, castigan la blasfemia”. Máis de un deslinguado levounas entón, pagou unha multa e, por riba, laváronlle a boca con lixivia. Penso que estes letreiros habería que colocalos de novo nas escolas, no traballo e, ¡como non!, nos campos de fútbol e outros espectáculos de masas.
Dicir que a expresión que nos ocupa, é coloquial, paréceme a min unha burla e unha blasfemia engadida. Non vaia ser que con esta xustificación, o dia menos pensado apareza tan irreverente e salvaxe expresión nas páxinas do Diccionario da Real Academia Española (DRAE) e do Dicionario Xerais da Lingua (DXDL), en castelán e en galego.
Eu, pola miña parte, levaría unha grande decepción e un bo desgusto, falando en roman paladín collería un cabreo .... monumental.

Falar ben

Te puede interesar