OS EXPERIMENTOS CON GASEOSA

Hai uns días escribín eu e publicou este xornal un apunte titulado “Despois da Desfeita”. Anque non quito nin unha coma do que dixen alí, vou tratar agora de explicar, que non xustificar, o que quero dicir cando digo que os experimentos hai que facelos con gasosa, coa vista posta nas vindeiras eleccións xerais do mes de novembro. Vaia por diante que: Eu nin son nin pretendo ser un oráculo de nada. Teño anos dabondo para ter e manter opinións propias, pero gústame botar man de refráns, proverbios e frases feitas que son unha fonte inesgotable de sabedoría popular. Falo dende o corazón e dende as miñas vivencias, non me move ningún xeito de interese ou ambición persoal. Ás veces trato, aínda que non o consiga, de poñer un pouco de humor nas cousas dos homes, e das mulleres, que é o único xeito de aturalas. Dende a chamada transición gobernaron alternativamente neste país as dereitas, “caña a estribor”, e as esquerdas, “caña a babor”, con maiorías absolutas. Agora que semella que se acaba o bipartidismo e as maiorías, estuden erros e acertos uns e outros, acheguen posicións, e fixen o rumbo poñendo o que en términos mariñeiros chamamos “caña a la vía”. Penso que os dous grandes partidos están condenados a entenderse ante o empuxe, todo a babor, dunha ultra-esquerda radical, iconoclasta e “salvadora”, dalgún xeito tan perigosa como a ultra-dereita, que tódolos extremos son malos. O país non está para experimentos, e non é só falar por falar porque de feito xa se nota na sociedade un certo movemento nesta dirección provocado polo medo ao descoñecido. Co que está caendo aí fóra, e o que está por caer, non sería de estrañar un entendemento PP-PSOE, difícil e controvertida parella, pero unha solución lóxica á encrucillada actual. Os partidos emerxentes son grandes descoñecidos. Non dubido da boa vontade dos seus rexedores, pero aquí teño que botar man dun novo proverbio moi galego, “Xente nova e leña verde, todo é fume”. Xa terán a súa oportunidade se cadra, hoxe por hoxe o seu papel, moi importante por certo, está na oposición. Así que repito. ¡ollo cos experimentos! que “salvadores” xa tivemos dabondo neste país. Pensen moi ben o que van votar e sobre todo non deixen de facelo porque o seu voto é tan obrigado como importante. Acórdense deste vello proverbio chinés: Por un clavo una herradura/ Por una herradura un caballo./ Por un caballo un caballero./ Por un caballero una batalla./ Por una batalla un rey./ Por un rey un reino.

OS EXPERIMENTOS CON GASEOSA

Te puede interesar