Dous días de gloria. (Historia, pintura e poesía)


recibín, e lin estes días de agosto, o galano dun fermoso libro recen saído do prelo, escrito e ilustrado con fermosos debuxos e rimas ad hoc polo meu amigo e compañeiro Miguel Angel Fernández, Almirante, pintor e poeta, non sei se por este orde. Seu titulo é “Dos Dias de Gloria” e conta e ilustra e poetiza o desembarco dos ingleses en Doniños, con todo luxo de detalles e cunhas magnificas acuarelas e tintas axeitadas ao relato dos feitos que tiveron lugar os días 25 e 26 de agosto do ano 1800. O libro moi ben documentado fala duns feitos que son historia viva de Ferrol, para os ferroláns, para os españois todos e mesmo para os ingleses aos que o autor trata co maior respecto. Quédome con todo, pero quero destacar unha dedicatoria do autor na presentación:
“A la Armada y al pueblo de Ferrol quienes unidos, serán siempre capaces de conjurar cualquier peligro aún en tiempo de zozobra”. ¡Como un aviso a navegantes! nestes tempos de crise. Non vou facer eu dende aquí a apoloxía do Ianqui, non a necesita, xa se encarga el coa súa bonhomía, co seu talante e co seu traballo no seu estudo-atalaia da Graña, sempre aberto a amigos e compañeiros para unha boa conversa rememorando outros tempos e vivencias da escola naval, dos barcos, da Armada e do acontecer cotián. So dicir que non é este seu primeiro libro ilustrado, cidades como Vigo, Ferrol, Pontevedra e mesmo o buque escola Juan Sebastián Elcano, teñen moito que agradecerlle á xenerosidade deste home polos libros a eles dedicados que constitúen un tesouro impagable. Ademais de arte, fai falta moito corazón para facelos. O luns 25 de agosto, 214 anos despois dos feitos, vaise presentar o libro no antigo edificio de Capitanía Xeral de Ferrol. Augúrolle un gran éxito e unha gran asistencia de xente. Alí estarei eu tamén disposto a aplaudir ao libro e ao seu autor, que ben o merecen. Parabéns meu amigo e moitas gracias polo galano que moito aprecio e que xa ocupa un lugar sobranceiro na librería do meu sancta sanctorum. Teño nas mans o exemplar dedicado deste magnifico e orixinal libro do almirante Fernández, ben coñecido na Armada polo Ianqui, apelativo que el asumía sen problemas. A súa dedicatoria, escrita co seu especial sentido do humor, home de poucas pero sempre axeitadas, palabras reza así: “A mi amigo, y sin embargo compañero, Xosé Bergantiños Miragaya con gran afecto, esperando nuestro próximo proyecto juntos. Un fuerte abrazo. Fdo: Miguel Fernández”. Estes días, o Museo Naval de Ferrol está a organizar unha exposición -homenaxe ao almirante, desgraciadamente xa falecido, cos debuxos e acuarelas orixinais incluídas no libro. Lamentablemente non puiden asistir ao acto de presentación, é por iso polo que quero recordar unha vez máis ao meu compañeiro e amigo que acadou, sen ningunha dúbida, méritos dabondo para ser un dos bos e xenerosos. A súa dona Margarita, dende este humilde apunte, unha aperta forte.
 

Dous días de gloria. (Historia, pintura e poesía)

Te puede interesar