Decembro

Esmorece novembro, deixándonos nos seus últimos días moi malas novas. A morte repentina, na soidade dun hotel, da controvertida ex-alcaldesa de Valencia, o pasamento do non menos controvertido Fidel Castro e un tráxico accidente de aviación en Colombia. Nos medios, comentarios para tódolos gustos, algúns deles verdadeiramente noxentos. Xa estamos no derradeiro mes do ano, tempo de recordos, de nostalxias e de saudade. O paso inexorable dos días, os meses e os anos. Avós, pais, irmáns, fillas e agora netas, ¡toda unha vida pola popa!. Moito cambiaron os costumes dende aqueles anos cutres da ditadura que foron os da miña nenez.  Recordos da rúa Magdalena, anos corenta, unha muller tocando o piano, dia e noite, poñía un punto de saudade no ambiente, unha rata morta no patio de atrás da casa e o ultramarinos El Rápido que hoxe goberna, moi ben por certo, Emilio, home cordial e falangueiro, testemuño sobranceiro do devir de Ferrol dende a súa privilexiada atalaia. “Emilio for mayor”, non atopariades outro mellor.  De aquí ás Casas Baratas, avenida de Sotomayor, anos cincuenta. Novos veciños e novos amigos que xa foron para sempre Todos boa xente, moitos, a maioría, xa desaparecidos e os que quedan son hoxe avós e aínda bisavós. Para todos eles un agarimoso recordo neste Nadal do 2016, tantos anos despois. Despois veu a Escola Naval e o casoiro, e deixei de vivir no barrio. Viñeron logo as fillas, os seus estudos, a idade do pavo e os casamentos. Agora xa son nais e xa teño catro netas adolescentes, con toda a problemática da idade e dos tempos que corren. E aquí sigo eu que, esmorecendo día a dia, cunha chea de anos ás costas, todo se me volve en recordos e vivencias daqueles tempos, de aí este apunte tan saudosoRemato, non pode ser doutro xeito, cun recordo piadoso, apaixonado, para os meus moi queridos pais e irmán. Para as miñas irmás os mellores desexos e moito animo e paciencia que boa falta nos fai. A parentes e amigos e mesmo aos que ledes estes meus apuntes, ¡Felices Festas!  Con fillas, netas e xenros espero ter unha boa noite de paz o dia de Noiteboa. Falando de esmorecer, aquí vos deixo, dende este meu castelo de Caranza, estes fermosos ripios: “Cando o sol esmorecía/ vin o moucho nun penedo/ non che teño medo moucho/ moucho non che teño medo”.

Decembro

Te puede interesar