Conselleiros

Dicían os vellos patrucios que o que da consellos non da pan. Non sei se é un refrán ou soamente unha sentencia galego-retranqueira. Ven isto a conto porque entendo eu e así o explica o dicionario, que a función dun conselleiro é dar consellos e semella que ata aí chega a súa responsabilidade, si a empresa vai mal non é cousa súa, como Pilatos cando lavou as mans. Aquí acaen dúas preguntas tan malvadas como inevitables: ¿Son realmente necesarios os conselleiros? A súa xestión ¿non ten moito que ver co tráfico de influencias?. E aínda máis, ¿cantas horas e cando traballa un conselleiro? 
Nesta nosa España cañí abondan nas empresas conselleiros con retribucións indecentes que, dalgún xeito, pagamos todos. Cando un persoeiro da política é cesado, a miúdo por haber acadado seu nivel de incompetencia, como compensación é nomeado conselleiro de calquera cousa, aínda que non teña nin p... idea das actividades que a tal cousa desenrola.
Eu non vou poñer nomes, que ben podería, pero na mente de todos nós están moitos conselleiros con preparación e historial que de ningún xeito xustifican tal nomeamento e moito menos ese disparate de cartos. Estes cargos a dedo, o que agora chaman portas xiratorias, constitúen unha provocación flagrante para a xente normal que cobra un soldo normal e xa non digo nada para tantos rapaces e rapazas que, en moitos casos, con carreiras terminadas esmorecen dia a dia no paro sen outra alternativa que a emigración e o sub-emprego. ¿Como é posible que un home, por dar consellos, algo tan pouco definido e tanxible, acade 17.5 veces o soldo mínimo interprofesional establecido?
E non digo máis, a bon entendedor, abonda con poucas palabras.
Para rematar aquí tedes un exemplo dun conselleiro de sona: Foi ministro e presidente de moitas cousas cunha traxectoria tan brillante como pouco clara. Adicábase así mesmo a dar conferencias, a unha media disque de 36.000 euros cada vinte minutos, chegando a cobrar 65.000 euros por unha soa, cartos que por riba, e para máis inri, non pasaban por Facenda. Recentemente foi condenado a catro anos e medio de cadea polo asunto das tarxetas black xunto con 64 socios. Dunha cousa podedes estar seguros, ningún deles vai pisar a cárcere pero, o menos que se lles debe exixir e que devolvan os cartos roubados, con intereses e, por suposto, coa multa correspondente.
A pregunta final tamén é inevitable: ¿Que clase de ambición ( ou proceso mental) é a que move a un home, multimillonario, con indubidables méritos académicos, que ocupou os máis altos cargos na política e nas finanzas a nivel mundial, a cometer as felonías que a este se lle apoñen?

Conselleiros

Te puede interesar