Chapuzas a domicilio

Vai xa para dous anos, exactamente o 09/06/2015, escribín eu e publicou este xornal un artigo titulado “Madía Leva”, onde contaba a ¿reparación? do forno da cociña da nosa casa. O ¿técnico?, limitouse a anular o programador co que o aparello non só non quedou amañado senón que a súa funcionalidade quedou reducida a un 50%. Estivo na casa apenas dez minutos, non utilizou pezas de reposto nin ferramentas máis ala dun desaparafusador. Cobrou exactamente 41.79 euros, 20 de desprazamento, 19.5 de man de obra máis o IVE correspondente. Facía eu entón unha serie de ponderadas consideracións que me levaron a conclusión de que este home gañaba coas súas chapuzas por riba de 5000 Euros/mes. De aí o título do artigo.
Pois ben, dous anos máis tarde volvo a tropezar na mesma pedra. Desta volta foi o lava pratos o que se avariou, non lava ben e non fai o secado final. Chamei ao técnico correspondente e aquí tedes a crónica do que pasou: Entrou na casa moi sorridente con unha carteira na man, supoño que con ferramentas e co talonario para as facturas que foi o único que utilizou. Non estivo máis de dez minutos, que debe ser o tempo normalizado. Preguntoume, iso si, que lle pasaba ao aparello e sobre o que eu lle dixen fixo o prognóstico anque non parecía ter moita idea do seu traballo. A factura, que foi o que lle levou máis tempo facer acadou exactamente 54,45 euros, 25 por desprazamento, 20 de man de obra, mais o correspondente IVE. Dixo que había que cambiarlle unha resistencia e sin máis foise con un sorriso aínda máis amplo que cando chegou,... cos meus cartos no peto. Xa na porta díxome que se decidía cambiala, que volvera a chamar. Ao lava pratos nin lle tocou e por suposto segue sen traballar ben. Non quero nin pensar o que me custaría se o houbera amañado.
Eu, aínda que abraiado, pagueille relixiosamente porque por razóns que non veñen ao caso, non me compensaba naquel intre entrar nunha discusión bizantina que non iba a conducir a ningures. O que si quero destacar aquí, é que se fai necesario, imprescindible, crear, se non existe xa, un organismo que de xeito efectivo regule este tipo de reparacións que, como vedes, son un fraude e un roubo ao sufrido consumidor.
Recomendo asemade aos usuarios que cando teñan unha avaría nos seus electrodomésticos, o pensen ben antes de chamar a un destes chapuceiros porque, con toda seguridade, a mellor solución será sempre mercar un aparello novo. Abofé que lles vai saír moito máis barato.
Aínda que tentado a facelo, non dou os datos da empresa responsable. De calquera xeito, se alguén ten interese por coñecelos, aquí quedo a súa disposición.

Chapuzas a domicilio

Te puede interesar