A voltas co refraneiro

res novos refráns dirixidos ás miñas netas, e por extensión a toda a xuventude, que se atopan no intre máis difícil da súa vida recen acadada a maioría de idade, unha encrucillada tan importante que, dalgún xeito, pode condicionarlles o futuro. 
Este da xuventude, divino tesouro que dixo alguén, e tamén tempo de sentar a cabeza e de labrarse un porvir por medio do estudio e do traballo, cos pes postos na terra. Tempo de sementar, do que sementedes hoxe dependerá o resto da vosa vida. Hai un tempo para todo, que non todo é diversión, incluso hai un tempo para chorar, non o esquezades. 
Fálovos, ben o sabedes, dende os meus longos anos e dende o moito amor que vos teño. Este primeiro refrán oínllo a un tolo polas rúas de Vigo alá polo ano 1964 e di así: “Xente xove e leña verde, todo é fume”. 
Así que menos fume, máis pensar no futuro que está ahi á volta da esquina, e moito coidado cos cantos de serea
O segundo é da colleita do meu pai que o utilizaba moitas veces, cando acaía facelo. ¡Que ben axeitados eran aqueles seus sermóns!. Quer dicir que en tódolos ordes da vida hai que ser agradecidos e xenerosos e saber corresponder aos galanos, favores e axudas recibidas de familiares e achegados. 
Non todo é recibir, tamén hai que saber dar, cada un na medida das súas posibilidades. Non estou a falar soamente de cousas materiais, ás veces abonda cun sorriso ou cunha aperta. Este refrán di así: “Manos que no dais, ¿qué esperais?”, en castelán que é como o dicía el. É o mesmo que dicir que amor con amor se paga.
E para rematar, estoutro que fala da actitude ante a vida, do comportamento nese mundo que está aí fóra esperando por vos, fala de erros e fala de acertos. É como un aviso a navegantes, como unha advertencia que aconsella a ir pola vida polo camiño máis recto posible porque é ben certo que “O que sementa ventos, recolle tempestades”.
Reflexionade nestes tres refráns que aquí vos deixo que, dalgún xeito, sexan unha guía, un camiño a seguir ao longo da vosa vida. Falan de sentido común, de xenerosidade e de xeito de ser nun mundo cada vez máis frívolo e máis complexo. Sentido común que obriga a aproveitar as ocasións que se nos presentan de cara ao futuro. Xenerosidade sempre, non vos cansedes de ser xenerosas que é máis doado e gratificante dar que recibir, anque semelle o contrario. Por último levade unha vida clara, seria e honrada, sen complicacións que isto conduce á serenidade e a unha tranquilidade de conciencia que é o mesmo que dicir que conduce á felicidade que é, a fin de contas, a meta final de todos nós. Que voso lema sexa, ser felices é facer felices aos demais.

A voltas co refraneiro

Te puede interesar