A voltas co fútbol

Xa tiña falado abondo do fútbol, dos futboleiros e mesmo dese xenio chamado CR7 a quen outrora lle dediquei un monográfico nun destes apuntes. Volvo hoxe con esta teima ao fío do artigo de Gonzalo Bareño na sección de Opinión da Voz de Galicia. Subscribo ao cen por cento todo o que di este home no seu magnifico e moi axeitado comentario. Que tomen boa nota tódolos aludidos. Mágoa que un deporte tan fermoso, estea gobernado por xente sen escrúpulos que o converteron, como di GB, nunha esterqueira, una máquina de facer cartos, porque xa se sabe que onde medran cartos a esgalla, moi a miudo medra tamén o esterco. Corrupción, amoralidade, inmoralidade, esperpento, prepotencia, ridículo, obscenidade e terceiromundista, son algunhas das verbas que se poden empregar cando se fala de fútbol e do seu entorno, de futbolistas de elite, tamén chamados “cracs”, de adestradores picos de ouro, e demais comparsas, xerarcas e outros barandas que rexen e se forran co chamado deporte rei. 
Tamén teño falado noutras ocasións que, mentres miles de rapaces e rapazas, moitos deles con sobresaíntes expedientes académicos, esmorecen nas listas do paro, no subemprego ou teñen que emigrar para acadar un posto de traballo, aquí nun dos países con máis desempregados de Europa, se pagan ata 180* millóns de euros por un indocumentado sen outro mérito que darlle patadas a un balón. Isto que é inmoral, o miredes por onde o miredes, ten que rematar algún día aínda que só sexa pola saúde mental da humanidade. Seica o Cristiano Ronaldo, imputado por presunta evasión de trabucos por valor de 14.7 millóns de euros, lle dixo, dende a súa prepotencia, á xuíza que o interrogou, que si non se chamara así, non estaría diante dela, e ten moita razón CR porque si se chamara Juan Pueblo, xa hai tempo que estaría no caldeiro, por bastantes menos cartos defraudados e sen protección ningunha. A xulgar polas contas que presentan os xornais, ao seu máis que presunto fraude a Facenda, corresponderíalle unha pena entre dous e sete anos de cárcere. Non teñan medo os seus seareiros, non hai “bemoles” no país para meter na cadea a este home, non sei cantas veces balón de ouro e mellor futbolista do mundo, co permiso de Messi, (outro que tal baila), por moi claras que sexan as razóns para elo. Esperemos que polo menos, devolva os cartos defraudados cos seus intereses e pague a multa que lle corresponda segundo o Código Penal vixente. 
Outro día falamos das multas e das fianzas ridículas que se lle impoñen aos corruptos que, para máis inri, pagan cos mesmos cartos que roubaron. Unha tomadura de pelo, ¿non si? 
* Cando xa tiña rematado este apunte, rizando o rizo do esperpento, xurde a noticia. Un novo record neste mundo de tolos: O PSG paga 222 millóns de euros por contar cos servizos doutro xenio chamado Neymar arrebatandollo ao FC Barcelona. Dor, bágoas e loito en Can Barca. Non hai máis comentarios, xa abonda por hoxe.

A voltas co fútbol

Te puede interesar