VENCERÁ O SAPIENS AO HABILIS?

Permítanme que cometa, ben que a mantenta, este craso pecado científico co título do noso artigo de hoxe. Sabémolo. O homo habilis está extinto desde centos de millares de anos atrás, pero, con respecto á nosa especie, homo sapiens, tampouco é que o coñezamos todo. A xulgar polo que se está a descubrir en Atapuerca con relación ao homo antecesor, e tantas pezas da cadea como faltan aínda por completar para termos a seguranza absoluta sobre ela, o que no momento actual se posúe non deixa de ser máis que meramente especulativo.
Da habilidade de que se valeron eses primeiros homínidos, é de que agora pretendemos falar. Principalmente, desexamos apoiar a nosa reflexión na curiosa noticia, e un tanto inquietante, que días atrás coñeciamos sobre a desaparición da Caligrafía como materia a impartir nada menos que no sistema educativo finlandés. De primeiras, o proprio xentilicio, finlandés, fíxonos botar as mans á cabeza por ser internacionalmente recoñecido o seu sistema educativo como un dos máis estimados no ranking mundial, verdadeiro referente –pouco extrapolábel, por máis que o envexariamos para nós–, vista a súa flexibilidade e dinamismo.
Calquera cousa que entrañe mudanza e máis cando se vén producir contra algo que parece lóxico que exista, pois considérase case inmutábel, pódenos provocar un certo desacougo ao entendermos que tal modificación é capaz de socavar os alicerces do que veñen ser estruturas básicas, inamobíbeis mesmo, por nos pertenceren de vello. Os avances tecnolóxicos, poñamos por caso, son algúns destes cambios, ora aquí o factor de rexeitamento poida vir por causa distinta, como é a económica. As accións violentas dos ludistas esnaquizando máquinas por entenderen que a súa introdución significaba despedimentos e baixos salarios, por implicaren un deterioramento das condicións laborais dos operarios, sería un exemplo disto.
Os medos que entrañaba a velocidade, unha vez introducida a máquina de vapor para a locomoción dos trens, sería outra destas mudanzas que tanto inquietaron ás persoas no seu momento, e até se falaba de supostos desarranxos que poderían sobrevir no organismo dos usuarios, mesmo avalados medicamente. Nin que dicir ten, cando os computadores persoais se viñeron implantar de forma definitiva na sociedade, de maneira que as nosas vidas se informatizaron (bancos, oficinas, comercios, estacións, parkings, etc.), e as máquinas de escribir, por exemplo, pasaron a mellor vida, e a telemática veu a aforrar o traballo que antes desenvolvían varios traballadores,  cos conseguintes problemas engadidos e acomodacións ao novo sistema.
Difícil cuestión, sen dúbida, tentar pórlle cancelas ao campo. A mesma razón, de certo, pola que o derradeiro vídeoclub de Ferrol (Galaxia da estrada de Castela) bota definitivamente o cadeado, e é que a xente xa non aluga filmes, dada a tentación da internet para podelas conseguir de forma gratuíta, por máis que sexa fraudulenta. E algo semellante poderiamos aducir a respecto dos xornais escritos, afogados pola baixada de lectores e a lectura de noticias, reportaxes e demais contidos nas versións online destes, e obrigados a solucións imaxinativas para tentar manter os seus cadros de persoal, tal é o caso deste propio, o Diario de Ferrol.
Mais regresando de novo ao inicio da nosa reflexión. Quen de nós non aprendeu caligrafía grazas ao método do imperecedoiro caderno de Rubio? Tipoloxías de letras, escrita vertical e inclinada, espirais, exercicios de trazos, maiúsculas e minúsculas, postura da man para coller o lapis, etc. En verdade, a caligrafia non existía como disciplina en si, senón que era un recurso máis, e moi importante, da área de Lingua. Pasabamos horas e horas facendo caligrafía, ao igual que o faciamos coa infinitas contas dos cadernos, non verdes, senón amarelos, de Rubio tamén.
Finlandia, como despois se veu aclarar, non é que vaia prescindir da aprendizaxe da caligrafía. É máis, os pedagogos afirman que esta é absolutamente necesaria para o desenvolvemento cognitivo da persoa. Ofrece autonomía, ao evitar que dependamos de axentes externos para ter que escribir. E, aliás, xulgámolo necesario sen dúbida por canto se trata dun proceso máis pausado e reflexivo, de modo que invita cunha maior facilidade á lectura demorada e comprensiva.
Finlandia só quere deixar de impartir unha materia que eles teñen como específica: Caligrafía. A escrita a man como disciplina deixarase de dar a partir de 2016, o cal non significa que fagan desaparecer a escrita a man das escolas. Vanlle dar impulso, iso si, á escrita táctil, a teclear, pois que xa se converteu nunha necesidade social perentoria. Aurora Rodríguez Carballeira conseguira que a súa filla prodixio, Hildegart, aprendese mecanografía con catro anos.
Hoxe os meniños xa non veñen cun pan debaixo do brazo, senón cun teléfono móbil ou similar. Logo, sempre que o sentido común prevaleza, e o tándem habilis/sapiens xogue ben as súas bazas, benvinda sexa a innovación.

VENCERÁ O SAPIENS AO HABILIS?

Te puede interesar