O USO E ABUSO DO DECRETO LEI

Até onde alcanza o que podemos saber a este respecto, o Decreto Lei ou Real DL no caso da nosa monarquía parlamentaria, trátase dunha medida de carácter extraordinario. Dita norma, que ten rango de lei, non precisa pois que pase a través do parlamento, senón que é o executivo quen o sanciona directamente por vía de urxencia, aínda que require finalmente da convalidación do lexislativo, aínda que nun prazo excesivamente breve. Non obstante, certo é que non pode ser aplicado en todos os casos: non pode afectar, por exemplo, ao ordenamento das institucións básicas do Estado ou aos dereitos, deberes e liberdades dos cidadáns regulados polo Título I da Constitución.
Dise que durante esta lexislatura se teñen aprobado máis Decretos Lei que Leis Ordinarias propiamente. Vista a excepcionalidade e a urxencia con que aqueles se tramitan, non deixa de ser preocupante e sorprendente. A democracia representativa, que é aquela que se supón debe ser exercida desde as bancadas do Congreso para logo as leis seren ratificadas ou non polo Senado, acaba por perder así todo o seu sentido.
Este secuestro so o amparo do noso ordenamento xurídico, pode que teña encaixe legal, mais adoece de toda lexitimidade, e até semella bastante reprobábel. A excepcionalidade vénse aquí converter en regra. Algo anómalo está pois a acontecer, e ten que ver co uso fraudulento e intreresado da democracia por parte do goberno, quen achega a brasa á súa sardiña, e que cómpre debe ser cuestionado.
O venres 11 de xullo, foi finalmente aprobado o RDL 8/2014. Publicado xa no BOE, ocupa 172 páxinas, afecta a seis ministerios e, contrariamente ao que dita o seu espírito, si toca en certa medida competencias das Comunidades Autónomas. A saber, a declaración de concellos turísticos e o seu impacto na regulación dos horarios comerciais. Outras reformas introducidas no RDL 8/2014 van do acceso das PIMES a axudas para o investimento no exterior e a regulación do Instituto de Crédito Oficial, pasando pola regulación das comisións a cobrar polas entidades e financeiras nos pagamentos con tarxetas de débito e crédito, as mudanzas na regulación dos Portos do Estado e das condicións de investimento privado neste sector, as reformas fiscais que afectan ao IRPF, Imposto de Sociedades, Renda de Residentes e Patrimonio, até, por exemplo, a transferencia das funcións do Rexistro Civil aos Rexistradores Mercantís, e a conseguinte privatización que isto implica. Inquietante, igualmente, pode parecernos a regulación das operacións de aeronaves civís de control remoto (drons) con todo o impacto que isto pode entrañar no terreo da protección de datos, así como a aprobación acelerada na regulación, canto á escala, da carreira militar e da Garda Civil, alén do previsto para o sector ferroviario. As mudanzas, en definitiva, afectan nada menos que a vinte leis, mudanzas que comportan, lonxe de supostas melloras, unha progresión máis na destrución do estado de dereito, dado o proceso de privatización a que conduce, e na destrución e falta de garantía de emprego, á vista do exercicio absolutista de poder de que o goberno se vale.  
Nas Disposicións Xerais do propio RDL 8/2014, de 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, adúcese como causa a profunda crise económica arrastrada desde 2008, a cal obrigou ao goberno á toma de medidas urxentes, que redacta nesas 172 páxinas, para así tentar enderezar o rumbo do crecemento. As reformas emprendidas, incide o mesmo, ten animado a competitividade, o desenvolvemento e, en consecuencia, a confianza dos mercados. A consabida redución do déficit público, así como o aumento por cuarto trimestre consecutivo do PIB e de creación de emprego, dan pé ao goberno para profundizar aínda máis nas reformas a que fai referencia. A ninguén se lle escapa unha certeza. Os mercados, os grandes mercados claro está, a grande empresa e, por conseguinte, as cifras macroeconómicas, poida que vaian sendo positivas. Mais as economías familiares, os seus ingresos, os datos que falan dun maior emprego –máis horas de traballo por menos soldo– son capciosos. O tecido industrial e comercial vai enfraquecendo: sabido é a práctica da transferencia ou subcontrata en terceiros países, por exemplo, así como os agrupamentos comerciais que arruínan o pequeno e mediano comercio.
A “casta” política parece querer vivir allea á realidade que forma ese estrato social de maior volume. Os automóbiles de vidros tinxidos en que pasean polas nosas cidades impídelles ver os pobres que, como os de antano, piden e dormen polas rúas, observar comedores sociais e cociñas económicas, locais comerciais baleiros e abandonados...
Só ven cifras macroeconómicas, disputas para manteren as súas poltronas e impúdicos ingresos. Dúas realidades paralelas condenadas a nunca converxeren, e unha democracia con nesgos autoritarios que, amparada nunha maioría absoluta, se atrincheira no uso e abuso do Decreto Lei.

 

O USO E ABUSO DO DECRETO LEI

Te puede interesar