Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

Venecia sempre nos sorprenderá. Desta vez foron a Scuola Grande di San Rocco e a Gallerie dell’Accademia. Tintoretto dedicou vinte e catro anos da súa vida a aquela. Máis de sesenta grandes lenzos (paredes e teitos) con episodios do Antigo e Novo Testamento. Dunha enorme plasticidade, o acusado maneirismo e claroescuros, a súa pincelada rápida gaña emotividade a través dunhas figuras que semellan querer saír do cadro ou sobrevoaren os anxos por cima do meniño Xesús, no caso da Adoración dos Magos. Os terroríficos escorzos, arrepiantes, ao vermos as nais tentando protexer os fillos que van ser asasinados na Matanza dos Inocentes. Ou a espléndida tensión transmitida na Crucifixión, co Cristo sendo erguido na cruz, mentres, do lado inferior esquerdo, se estiran as cordas puxadas por varios homes, e, no centro do cadro, o triángulo perfecto concibido entre o extremo superior da cruz e a base, colmada dos coñecidos seres xementes baixo dela, centralizando e irradiando con preeminencia a escena.
Na Gallerie dell’Accademia –exposición permanente e algunhas salas fechadas– son admirábeis cadros de grandísimo formato: O Castigo das Serpes, de Tiepolo; A Cea na Casa de Levi, de Verones; O Milagre do Escravo, de Tintoretto; ou, tamén de Tiepolo, A traslación da Santa Casa de Loreto, estudo preparatorio dunha composición para a igrexa dos carmelitas descalzos de Venecia, con perspectiva baixo ascendente. Venecia catívanos a pesar da reiteración e profusión de canais, palacios, Ponte dos Suspiros e do Rialto, o Palacio Ducal, Santa Maria de la Salute, a Ca’ d’Oro e a Ca’ Rezzonico, e a esplendorosa Basílica de San Marcos (marabillosos mosaicos, o tesouro da Pala, a fábrica interior e exterior), alén da fabulosa praza co campanile e a torre do reloxo.
Trieste sabe a centroeuropa, cabeza de ponte co mundo balcánico. Ábrese ao mar na lindísima Piazza de la Unittà, rodeada de belos palacios. A cidade, harmoniosa e serena, ten traza ortogonal e comeza en ascensión. Ao pé, un pequeno teatro romano e unha rústica igrexa románica, a máis vella da cidade, próxima do arco romano polo que, disque, pasaron as tropas de Ricardo Corazón de León. Na cima do monte, a catedral románico-bizantina de fermosos mosaicos, cun campanile que circunda outro máis antigo, decorado por frisos romanos. Do alto, vemos embaixo os restos da basílica romana e o castelo, con bonita panorámica sobre a cidade e o porto.
Split é o palacio de Diocleciano, emblema da urbe. Un enorme cuadrángulo en que se engloban restos do Baixo Imperio, agora con insercións doutras épocas, mesmo vivendas, en curioso acorde. Unha estraña e pequena catedral preside o peristilo, cuxo enigmático batisterio fica desligado por unha rúa lateral. Nas galerías subterráneas, hoxe cheas de tendas para turistas, existe tamén un itinerario histórico-arqueolóxico. Fóra do palacio, é de destacar a Piazza da Reppublica, símil da de San Marco veneciana. E aínda Trogir, pequena urbe a poucos quilómetros de Split, nunha illa case pegada a terra, con preciosísima catedral, belos palacios e rúas do máis pintorescas.
Dubrobnik é outra xoia da Dalmacia. O percurso das murallas é visita obrigada. Lembranzas da guerra, vemos un impacto de mísil dentro do convento de San Francisco, lugar en que se acha a máis vella farmacia do mundo. Pasear Dubrovnik é unha sorte de mestura entre Rodas, Malta e Venecia, racional pese ao trazado medieval, máis anárquico na ladeira en que se terían asentado, entre outros, os xudeus. Xa en Montenegro, Kotor dorme ao fondo dun falso e profundo fiorde. Cidade murallada, destaca a catedral e unha vella igrexa ortodoxa con bonitas iconas. O paseo é agradábel polas rúas de pedra e bonitos edificios. Mais a subida á parte máis alta da muralla é, sen dúbida, espectacular pola panorámica. Chegar até ao santuario de Nª. Sra. da Saúde e a fortaleza máis arriba, non se debe perder.
A menos helena da illas gregas é Corfú, verde, arborizada. Ascender o monte Pantocrator é fascinante: vistas inmellorábeis sobre diferentes puntos da illa e admirar os espléndidos frescos da igrexa ortodoxa. O forte bizantino de Angelokastro é todo un gozo: ribeiras acantiladas, calas e praias que se poden observar. Kerkira, cidade principal da illa, coa vella e nova fortaleza, cun ar máis venecianao que propiamente grego. E Olimpia, tratando de aspirar o espírito do que foi, hoxe difícil de observar, mais imaxinando glorias deportivas no estadio. Ora no museo, os frontóns reconstruídos déixannos sen alento, así como a estatua de Hermes de Praxíteles.
En suma, un plácido e cómodo cruceiro polo Adriático, unha opción para contemplar o que xamais poderiamos ter visto: a entrada en barco a Venecia, sen nos esquecer do espectacular falso fiorde de Kotor (máis de 30 km de profundidade), rodeado de lindas poboacións, montañas e illotes con igrexiñas, etc.
O dito, mais non na orde en que foron nomeados, Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns.

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

Te puede interesar