Sicixia ou da traxedia da buserana

Ignacio Vilar, director do filme “Sicixia”, é posuidor dunha gozosa peculiaridade: a do atrevemento. Non se arreda ante desafíos tan complexos como diferentes entre si; e observándoos sempre desde unha perspectiva galega, que fala galego, e non só, xa que destila ese noso ser por todos os cantos. Dicía Castelao que non é fácil pintar en galego sen ter a lingua como materia prima. El conseguiuno e todo un rosario de pintores galegos tamén, de modo que hoxe podemos presumir que así o fan, xa sexa polo asunto tratado, xa porque existe un fío sutil que vai enlazando uns con outros por razóns de técnica... Nun certo modo, a nosa arte cinematográfica está aínda nese estadio inaugural, semellante ao das Irmandades da Fala e copartícipes da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos, en que cómpre afirmar os esteos desa construción nacional e non só canto aos criterios artísticos se refire, senón tamén aos científicos, e sociopolíticos mesmo. 
Será a partir de 2008, con “Pradolongo”, que I. Vilar inicie a etapa máis vizosa e, por extensión, de maior éxito (Premios Mestre Mateo e varios galardóns en diferentes categorías). Viría máis tarde “Vilamor” (2012) e a espléndida “A esmorga” (2014) despois (acode aos Goya e ao Festival de Toulouse). Agora, con “Sicixia” (2016), vén de participar outra vez en Toulouse e concursará na nova edición dos Goya. 
Filmes, todos eles, de cerna galega que van desde a plasmación dun triángulo amical que se acabará por esborrallar por causa dos conflitos de clase social e de amor que se xeran así que chegan os tres rapaces á maioría de idade; ao do regreso dun rapaz á súa aldea, agora transformada en paraíso hippie, e que vén de se formar no seminario, o que lle crea un grave conflito moral após se ter namorado e adaptado con matices a esta nova vida; até á impagábel adaptación da novela de Blanco Amor coas desventuras do Cibrán derivadas do determinismo a que se ve abocado ao lado dos dous desordeiros e inadaptados amigos, o Bocas e o Milhomes. 
“Sicixia”, se ben con todas as reservas, talvez poidamos clasificalo como unha sorte de docudrama. O formato documental é un enorme envoltorio dentro do que transcorre a historia narrada en sentido máis estrito. A relación amorosa e adúltera vivida polos dous protagonistas do relato, Xiao e Olalla, é esa historia medular, e non necesariamente ha de ser entendida como principal. A paixón amorosa posúe un diálogo mínimo. A paixón subxace, abrolla de xeito espontáneo case desde o primeiro instante en que Olalla xorde do mar logo de apañar algas, para facer despois o percorrido inverso, que é como termina mergullando de novo entre o argazo. O ciclo da vida, de inicio a fin, ligámolo ao vocábulo ‘sicixia’, que pode significar unión dun par, de opostos que normalmente se xuntan. Velaquí o que acontece cos nosos protagonistas. Pero tamén significa o aliñamento de varios corpos celestes do mesmo sistema gravitacional: pénsese en Olalla e Xiao e os seus respectivos cónxuxes. 
Podemos falar dunha poesía visual, así como xestual, dos silencios, dos sons ambientais que son captados por Xiao co seu equipo de son, que é o traballo que veu realizar á Costa da Morte. A tórrida relación transpira ansia, desexo, pero non existen case palabras que expliquen o que pode acontecer mañá. Son infelices coas súas parellas, mais prodúcese unha contención case violenta por non querer dar un paso en firme que ofreza unha solución a esa situación desditada en que viven. A lenda da Buserana é o elemento máis explícito. Cóntaa un mariñeiro. Un trobador namora unha condesiña coas súas cancións. O conde, que estivera combatendo os mouros, regresa á casa e reprende a filla encerrándoa nos seus aposentos. Ao trobador bótao do lugar. Unha vez liberada do castigo, a moza escoita a un pastor contar como Buserán, o seu trobador, fora guindado nun día de temporal a unha furna. Enlouquecida, corre até alí, baixa desde o monte e sente cantar o seu amor na cova. Despois veu unha onda xigantesca que, en forma del, a estreitou entre os seus brazos e a levou consigo. 
En “Sicixia” predomina o mundo sensorial; a vista e o ouvido asócianse coa Costa da Morte con toda a súa opulencia. Convídasenos a unha lectura antropolóxica cun curro e rapa das bestas, co traballo das palilleiras, o dos pescadores e mariscadoras máis tradicional, e o máis innovador do das conservas das algas; pero tamén se nos presenta o máis mitolóxico, velaí o Olimpo galego do Pindo trazado por néboa, grutas e fastosos horizontes ao que acoden os protagonistas, o que non impide facernos ver o impacto ambiental ou paisaxístico que nos pode producir o esqueleto dunha edificación fabril abandonado no medio da natureza a onde vai sempre o Xiao. En conclusión, a lenda da Buserana (véxase a interpretación simbólica de Xoán Costa: “Ler Sicixia á vista das cantigas de amigo”) pode ser o sutil fío que ligue o relato por medio dunha trama do que se presume unha tráxica historia de inicio a fin.

Sicixia ou da traxedia da buserana

Te puede interesar