• Miércoles, 18 de Octubre de 2017

O saqueo das arcas do Estado

Hoxe erguémonos, digamos así, unha miga maximalistas, por iso direi

Hoxe erguémonos, digamos así, unha miga maximalistas, por iso direi: isto xa non ten arranxo simplemente con palabras. Porque os feitos, se cadra, sexan necesarios tamén de cando en vez; pero os feitos, e observando o extremadamente garantista con que o Estado se vén conducindo dun tempo a esta parte (o Poder Xudicial garda con extraordinario celo canto incumbe o que rodea a Goberno e coadxuvantes), apuntan a que pouco máis nos resta que armarnos de valor e, dunha vez por todas, revoltármonos e tomarmos a rúa. E é que ese bonito proxecto, o do Estado (de Dereito), somos todos na verdade? A separación de poderes, é certa hoxe en día? As demoras en procesar, xulgar, sentenciar... a certos individuos son tan longas que un xa se acaba por desvincular, facer perder a fe e comezar mesmo a sentir desafecto por aquilo que se nos fixo crer que era a Democracia. “Paren o mundo, que quero baixar”, máis ou menos dixera Marx, Groucho, claro está, porque o seu homónimo, Karl, provérase dunha outra filosofía que, se cadra, mellor nos acaese nestes momentos visto como anda todo trocado. 
Quen está libre de culpa? “Quen estea libre de culpa, que lance a primeira pedra”, dixera Xesuscristo aos mestres da lei e aos fariseos no templo cando acusaban a unha muller de adulterio a fin de lle tender unha celada a Aquel. O noso presidente, Alberto Feixó, tirou de Biblia para explicar de maneira ilustrativa os múltiples casos de corrupción nas filas do PP: “Tristemente non existe unha vacina infalíbel contra os inimigos da democracia que se aproveitan de que haxa “algúns” [o destacado é noso] corruptos para cuestionala. Tampouco é probábel que os avances científicos consigan atopala. Non sabemos se estes remedios existían no Edén, pero logo da caída e do pecado orixinal, os homes e mulleres poden ser tentados a sucumbir na tentación”. Para seguir aínda co seu argumento de peso: “A famosa mazá adquire hoxe moitas formas e ameaza con apodrecer as democracias”. Que foi desta maneira como arrancara o seu discurso para o acto conmemorativo do XXV Aniversario do Consello de Contas de Galiza, en que defendeu a democracia e engadiu que aínda que sexa un sistema en que pode haber “algúns” [marcamos de novo] corruptos, aqueloutras formas de tiranía ou populismo xa son corruptas en si mesmas. Unha bonita forma, dicimos nós, de aplicar o uso da forza centrífuga e escusar en parte os clamorosos pecados —aquí, señores!, falamos de delitos, recollidos no Código Penal— que a Igrexa Católica, á fin e ao cabo, ha de saber perdoar, como comunmente fai, e tamén aos demócrata-cristiáns. 
Os nosos irmáns portugueses teñen un curioso e gráfico xeito de expresar a idea de alguén carecer de educación, de comportarse sen maneiras: “ter falta de chá”. Si, o famoso té inglés. O té de rigor con que todo cidadán dese país que se prece debe cumprir nesa hora das cinco da tarde. Efectivamente, iso é o que está hoxe aquí a acontecer. Existe unha total falta de “chá” na fila dos nosos gobernantes e coadxuvantes, nomeadamente do Partido Popular, pendente dunha inmensísima purga que nin a de San Bieito. O traxe da democracia abre polas costuras e está a piques de rebentar, porque unha manchea de “patriotas” españois, eses que enarboran e se apropian máis que ningún de bandeiras e símbolos e máis dispostos están a non querer saber nada, ou ben pouco, de que o Estado somos todos; moitos deses “patriotas”, dicimos, son os que saquean desapiedadamente as nosas arcas sen dó. 
Nunha das súas máis célebres frases, aquela que citaba aquilo das “mamandurrias” referíndose ás subvencións públicas, pedindo terminar con elas no seu momento, Esperanza Aguirre, si, admite agora que a empresa de que ela era accionista entre 1993 e 2005, Savial SL, recibiu case 2’5 millóns de euros. O seu marido, Fernando Ramírez de Haro, un dos seus principais accionistas, controlaba o 51% das participacións, mentres a propia Aguirre era dona do 39% do capital. A sociedade, dedicada á explotación agropecuaria, tiña a súa sede no céntrico palacete de Madrid onde residen ambos. Edil no Concello de Madrid e voceira do PP no mesmo até hai ben pouco, dimitiu finalmente, despois do escándalo de Ignacio González e demais, a raíz da operación Lezo, e proferiu aquilo de: “Me siento engañada y traicionada. No vigilé todo lo que debía”. Cantas concomitancias co filme Casablanca, parece mentira: “Con que dereito me fecha vostede o local? Por que motivo?”, pregunta un indignado Rick ao capitán Renault nunha das escenas máis recordadas da fita. “É un escándalo! Un escándalo! —respóndelle o corrupto xefe de policía con falsa consternación—. Acabo de descubrir que aquí dentro se xoga!”. Pero, caso de nos retrotaermos á súa presidencia na Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre foi tamén quen afirmou aquilo de que fora ela en persoa quen destapara a Gürtel. Tamaña “falta de chá” que teñen algúns e algunhas [sen agora remarcar tales indefinidos]. 
Son delirantes, a este propósito, as lagoas de memoria ou o descoñecemento máis absoluto acerca do que socios, parentes, colegas de partido, etc. están a facer de forma ilícita diante dos narices de moitos dos nosos dirixentes. O presidente do goberno —candorosa a súa ignorancia— acostuma estar simplemente ausente nos momentos chave en que se xogan asuntos delicados de Estado ou, no seu defecto, comparece perante os medios de comunicación a través dunha pantalla de plasma, como aconteceu co do caso Bárcenas ou fará a respecto da súa declaración na trama da Gürtel por razóns, din fontes do PP, de utilidade, seguranza e orde pública. Enlordámonos en procesos xudiciais sine die con casos como Gürtel, Lezo, Púnica, Nóos, Imelsa, Palma Arena, Puerto Lumbreras, Pujalte, Perla Negra, Rato... até trinta e un no total. O hipergarantismo xudicial, coas súas demoras correspondentes, recursos á marxe, fan con que a opinión pública se irrite e pense na desafección na clase política. Por iso pensamos, como dicía Celaya e canta a voz incombustíbel de Paco Ibáñez, “Poesía necesaria”... como arma, si. Armémonos, pois, para tentar frear o saqueo das arcas do Estado. Caso contrario, eu me apunto xa ao carro da ideoloxía anarquista.