ROTEÍRO POLO LITORAL DE LEIRÍA

No pasado mes de maio, e organizado polo Departamento de Português e o EDL da EOI de Ferrol, tivemos ocasión de regresar a esta interesante zona do litoral portugués, que xa coñeceramos en 2005. Dunha maneira xenérica, estivémonos a mover polo distrito de Leiria, cuxo principal motivo foi o de termos lido a novela de Rosa Aneiros, Resistencia. O feito da acción se desenvolver polo litoral do centro portugués (Marinha Grande, São Pedro de Moel, Peniche...), serviu como escusa para visitarmos o que foron os lugares das andanzas dos dous protagonistas da citada novela, Filipa e Dinís. São Pedro de Moel é a praia en que ambos se coñecen, se ben a súa relación terá que realizarse ás escondidas debido aos convencionalismos sociais. A acción desenvólvese maiormente nos anos 60. Dinís pasa a traballar na fábrica de vidro dos Irmãos Stephen de Marinha Grande e, despois de participar nuns actos reivindicativos, será encarcerado na prisión de Peniche. 
Velaquí, pois, os espazos polos que nos viñemos a mover. A fábrica dos Irmãos Stephen fora construída por iniciativa do Marqués de Pombal e alí ubicada por contar con dous dos elementos necesarios, e en abundancia, para a elaboración do vidro: a madeira (no Pinhal do Rei, comezado a plantar no séc. XIII durante o reinado de Afonso III) e a area. Do vidro para embotellado, fabricación de xanelas e outros dun inicio, pasouse a labrar o máis fino cristal para copas, xarras, licoreiras e demais en diferentes estilos e tonalidades. O Pinhal do Rei (ou Pinhal de Leiria), unha superficie arbórea de millares de hectáreas, testemuñará as andanzas de Filipa e Dinís ou, antes, os encontros amorosos de Isaura e Antonio, casado este con Ana Barbosa, e dos que nacerá o citado Dinís. Mais ha de ser Peniche, sen dúbida ningunha, o epicentro da narración, o lugar onde habita o mal, e onde é encerrado o fillo natural de Isaura, xunto con Raul, Lois e outros presos políticos do salazarismo, prisión que así mesmo tivemos ocasión de visitar. Á Fortaleza ían xa parar presos desde o séc.XIX, mais farase infelizmente famosa polos presos políticos habidos durante o salazarismo: debido ás condicións adversas en que estaban, ao práctico ostracismo que os obrigaba a non poderen falar cos funcionarios, á má alimentación e abrigo e, sobre todo, ás célebres fugas, entre outras, a do dirixente do PCP, Álvaro Cunhal. 
Peniche, con todo, é tamén lugar de longos areais, fundamentalmente para quen quixer practicar surf, como acontece na praia da Consolação. O Cabo Carvoeiro, co seu faro no extremo, é outro dos singulares atractivos, cunha abruptísima costa, de altos cantís de pedra calcárea, e que tivemos ocasión de percorrer nunha camiñada. Estrañas figuras formadas pola erosión e os sucos que foron esburacando a rocha van xurdindo a cada pouco. Formacións verticais ou horizontais colocadas como nunha sorte de sandwichs, xerando caprichosas esculturas como a Nau dos Corvos, sortes de poderosas patas de elefante, fichas colocadas unhas sobre outras en inestábel equilibrio, etc. No horizonte, non moi lonxe, o paraíso das illas Berlengas. Da importancia da pedra na zona, falan os restos fósiles de dinosauros do Xurásico Superior, cuxos achados son de notar, mais tamén do asentamento de poboadores galegos que disque viñeron arrancar mármore das pedreiras do que logo se chamaría São Bartolomeu dos Galegos, no concello da Lourinhã. 
Antigos repoboadores galegos –tanto miñotos do actual Portugal como galegos da actual Galiza– teríanse asentado en terras despoboadas, agora libres de musulmáns. Sucederá isto do séc. XII ao XV. Sorpréndenos como se instalaron en Atouguia da Baleia (concello de Peniche) para se dedicaren á caza do tal cetáceo e á pesca en xeral, e tamén na Lourinhã, onde se dedicarán tamén ao comercio, pasando despois a terras de señorío ao seren estas entregadas a guerreiros francos após axudaren na expulsión dos musulmáns e na toma de Lisboa. Chama a atención, así mesmo, o elevado número de lugares na zona que responden ao xentilicio ‘galego’ ou ‘galega’: Aldeia Galega (Sintra), Aldeia Galega da Merceana (Alenquer), Vale da Galega (Caldas da Rainha), Vale de Galegos (Torres Vedras) e Vale Galegos (Rio Maior), alén do devandito São Bartolomeu dos Galegos. 
Ben curiosa circunstancia é o feito de que os homes do norte levasen e incorporasen a caza da balea a estas terras, sendo a Atouguia –postos a levantar hipóteses, topónimo formado polos lexemas ‘Outa’ e ‘Guia’, quizá deformado o primeiro por unha sorte de metátese– o lugar elevado desde onde poderían ser avistadas as baleas, e o Baleal, a uns catro quilómetros desta, o porto a onde, unha vez cazadas, se traerían e despezarían. Freguesía da Atouguia onde puidemos visitar unha interesante exposición sobre o 25 de Abril e un xeitoso museo, e de regreso para Ferrol xa, aínda termos tempo de pasear pola fermosa vila murallada de Óbidos, guinda final para esta instrutiva e variada viaxe que vivamente lles recomendamos.
 

ROTEÍRO POLO LITORAL DE LEIRÍA

Te puede interesar