Ramón Nicolás: novelista con oficio

O regreso de Ramón Nicolás á ficción había de ser só cuestión de tempo. Salvo erro, cremos recordar que se estreou con “Ricardo G. Greenfield” –Muralla de Crescórnio (1989)–, relato da vida anódina dunha persoa de orde, pusilánime, que ha de ser casada pola mai e verá pasarlle a vida por diante. Nada sabemos de incursións posteriores no relato curto, pero si acerca do seu extraordinario facer no campo da crítica literaria, do ensaio, a tradución e a edición, en que ten atinxido premios de enorme prestixio. Así pois, e con O espello do mundo, Ramón Nicolás vén destapar o tarro dunhas esencias longamente veladas. Unha novela atraente, cativadora desde o inicio, cuxa fluencia transita un mundo certamente complexo, como o medieval, con aparencia túrbida, en que se nos achaia a senda e acaba por nos proxectar luz.
Vemos concomitancias coa Herba moura de Teresa Moure. O elemento epistolar, certo ensaísmo, o devir da muller a través da historia, a paixón polo coñecemento, así como os receitarios con descricións de plantas, gozan dun certo paralelismo coa proposta do vigués. Novela, a del, miscelánea canto a xénero se refire. Mestúranse intriga, investigación, elementos de carácter histórico que imprimen unha ambientación monacal no medievo, alén do intercambio epistolar, conxugándose nunha ben interesante ficción. Martiño é o protagonista na época actual, quen inicia a investigación grazas ao que chama “providencia laica”: “unha serie de casualidades que nunca se poden prever pero que, ás veces, conflúen e nalgunhas ocasión fano felizmente”. Ermidas, irmá da última abadesa de S. Pedro de Ramirás, ofrécelle uns documentos de extremado interese, que guiarán a investigación, eixo do relato.
Ona Guiomar é a abadesa das touquinegras do cenobio beneditino, agora no séc.XII. (Explícase o termo, ‘ona’, exclusivo como título honorífico para nobreza feminina no convento de Ramirás.) Os documentos revélannos as preocupacións polo bon funcionamento da vida espiritual e manutención das freiras, do día a día e futuro do mosteiro, e os aspectos económicos e materiais, intrínsecos ao sustento da institución.
Deste xeito, os preitos por aforamentos, os trocos, doazóns, as cartas forais, etc. introdúcennos nun complexo mundo de labores, vasalaxes, señorío e, en fin, da economía do mosteiro. Preocupacións de ona Guiomar ás que deberemos engadir outras de natureza máis mundana, así o incumprimento de normas relativas á falta de moralidade, mesmo a concupiscencia. A este respecto, entrará aquí en xogo o interesantísimo papel de Hildegarda von Bingen, abadesa da mesma orde nun convento do Rhin, con quen se carteará para pedir consello. Muller admirada en todo o orbe, dedícase á composición musical, á escrita de pezas tetrais relixiosas e a labores de aprendizaxe vinculadas coa investigación médica (fitoterapia, xemoterapia, etc.) e outros proxectos.
A urdidura con que se vai tecendo a historia, en 3ª persoa para a parte de Martiño, combinada coa 1ª na medieval en que nos asaltan as preocupacións de ona Guiomar, máis a relación epistolar de Hildegarda, e os apéndices con que a completa a alemá para referir as propiedades reparadoras de plantas, animais e minerais, transpórtannos a un mundo iluminado da paixón polo saber. Hildegarda fala, ademais, de visións, un poder dado que experimenta desde nena, que lle permite acceder ao que chama ignota lingua, a cal liga coa lingua primixenia de Adán e Eva. E todo aderezado, finalmente, do feito de se ter independizado do mosteiro mixto de Disidodenberg para fundar o feminino de Rupertsberg, coa loita contra o seu abade superior, consciente ela de que o que máis temía el era a perda do poder económico e non tanto o temor a Deus. Hildegarda até fai un alegato protofeminista ao falar dunha certa superioridade da muller face ao home. Ona Guiomar, pola súa parte, é capaz de comprender ter caído Eleonora Domínguez na tentación da carne, e aplícalle o castigo que a regra impón, mais non a exclaustra. Interesante a este respecto é a reflexión que fai acerca de como outros membros (homes) da Igrexa conculcan o voto de castidade con frecuencia, mais piden man dura caso de ocorrer con algunha das súas freiras.
N’ O espello do mundo vemos erudición, descrición exhaustiva do mundo monástico e unha grande vontade por ser veraz (nas cartas, entre corchetes, exprésase onde hai partes ilexíbeis, p.e.). Martiño, no final do primeiro capítulo, xa ten o presentimento de que algo inesperado vai xurdir cando observa as ruínas do convento de S. Pedro de Ramirás.
Así, grazas ao legado de Ermidas, vai ser capaz de desentrañar a memoria das pedras, a daquel lugar, cuxo epicentro tiña sido o cenobio, verdadeiro espello do mundo en que se desenvolveron tan incríbeis personaxes, celosamente autárquico, e en contacto co exterior. Unha estrea novelística fascinante que vén confirmar, pois, as nosas sospeitas: o bon oficio que, como narrador, tiña atesourado dentro de si Ramón Nicolás.

Ramón Nicolás: novelista con oficio

Te puede interesar