Non hai mal que por ben non veña

É obvio que as especificidades da nosa literatura propia teñen que se facer patentes e subliñadas á hora de ser estudada. O proceso de suplantación e deturpación sufrido, parello ao da lingua, só podemos observalo á calor das circunstancias históricas vividas. Así, o esplendor do período XII-XIV verase eclipsado a partir do séc.XV. Só os “Cantares gallegos” de Rosalía haberán de romper co maleficio. Calquera manual de literatura galega ha de facer fincapé, necesariamente, na explicación destas peculiaridades. Do esplendor da era Xelmírez e a bonanza económica e cultural que afianza á nobreza galega, tanto nas cortes como na Reconquista, pásase ás loitas polo poder e ás guerras sucesorias en que a vella nobreza autóctona perde toda puxanza, mesmo sendo substituída por outra allea. Todo en conxunto, en suma, promoverá a perda da nosa autoestima colectiva.
Mais feito este breve preámbulo, e conscientes do tópico de como Ferrol e comarca se constrúe como unha sorte de illa para tales efectos, dada a súa propia peculiaridade dentro desoutra maior sobredita, é sorprendente coñecer como dúas enormes descubertas literarias veñen esnaquizar esa dinámica. Dous felices achados, “En cadea sen prijon. Cancioneiro de Afonso Paez (fins séc.XIV ou inicios do XV), e “O romance da urca de Santo Antón (1777)”, poesía en galego feita en Ferrol no séc.XVIII, foron exhumados dunha biblioteca particular e do Arquivo Histórico Nacional de Madrid, respectivamente.
Nese período de decadencia en que o suposto anquilosamento das fórmulas da escola galego-portuguesa derivaran na chamada escola galego-castelá, viciada, non só de estereotipos literarios, senón de castelanismos, xorden vizosos estes 23 poemas, sen case elementos espurios e unha clara vocación recitativa: ecos do amor trobadoresco, de poesía burlesca e até dunha curiosa composición piadosa. De por parte, en “O romance da urca de Santo Antón”, versifícanse os padecementos sufridos pola tripulación desta nave que, en travesía desde a Habana a Ferrol, foi sorprendida por unha terríbel tormenta. Unha vez en terra firme, daralle as grazas á Virxe, celebrando unha misa solemne na igrexa de S. Xulián. Os elementos argumentais non impiden, porén, o retrato doutras realidades do Ferrol da época. O da xerarquía política e administrativa, ou de certas personaxes eclesiásticas, que son descritas como pusilánimes e fatuas, alén da preocupación polo proceso de substitución lingüística que o autor comeza a observar. A transformación da cidade en base militar e en construtora naval, alentada por xentes vindas de fóra de Galiza, está, evidentemente, na cerna desta preocupación.
Resulta curioso ver como a distancia, máis que nada física, axuda a valorar ou a entender cunha maior clareza aquilo que nos é propio e temos transitoriamente fóra do noso alcance.
É elocuente o caso dos emigrantes galegos, nomeadamente os residentes en Cuba, moitos analfabetos, que alí se formaron e fundaron sociedades e impulsaron a millares de quilómetros de distancia a construción de escolas en Galiza para darlles estudos aos rapaces que non os poderían cursar. Na Habana publicáronse obras literarias de Rosalía, Curros ou Cabanillas; e na Habana tamén, o ferrolán Fontenla Leal empeñaríase en promover a creación da RAG, un himno para o noso país, a construción do Centro Galego ou a Revista Galicia. Mais Bos Aires, Montevideo ou México, sobre todo a partir da Guerra Civil, incentivarían igualmente este proceso de asunción de galeguidade.
Que é o que nos acontece por aí fóra para que a conciencia do sermos (galegos de lei) se nos active así que hai moitos quilómetros de por medio? Días atrás J. Cercas escribía acerca disto, do feito de vivir fóra. Borges, por ansias culturais, viviu sete anos en Europa para vir a descubrir, á fin, que era arxentino; senda esta que emprenderán tantos outros que, desexando ser franceses ou estadounidenses, se revelaron autores latinoamericanos. Quérese dicir: non se vive fóra para descubrir aos demais, senón para se descubrir a un mesmo. Tal acontecía con Adrián Solovio, protagonista de “Arredor de si”, de Pedraio. A partida a Europa, esa fuxida cara adiante, valeulle para poder coñecer e estimar o máis próximo, a Galiza. Se cadra, a condición exterior sexa un factor válido para nos salvar do suicidio ao que, como pobo singular, nos encamiñamos; se cadra, o novo factor migratorio sirva para afianzar ese sentimento galaico verdadeiro a punto de ser extinto. A diáspora, por razóns económicas ou non, quen sabe se non ha de beneficiar o que tanto nos empeñamos en soterrar baixo toneladas de complexos. Os nosos cancioneiros medievais viven espallados por medio mundo, as cátedras da nosa lingua e literatura existen en varios continentes..., pero a saber se a conciencia dos novos emigrantes, sorte de mesías redentores do mal que nos conturba, non poida obrar o milagre da deserción lingüística e da perda da autoestima á que estamos abocados.

 

Non hai mal que por ben non veña

Te puede interesar