• Sábado, 10 de Diciembre de 2016

No centenario das Irmandades da Fala

Esta agrupación, hoxe centenaria, viu a súa primeira luz baixo o nome de Irmandade 

Esta agrupación, hoxe centenaria, viu a súa primeira luz baixo o nome de Irmandade dos Amigos da Fala. Sexa como for, o substantivo “irmandade” xa estaba aí, como alicerce que engloba o bonito propósito da fraternidade, fraternidade que indica unha relación de unión como a existente entre irmáns. Grupo de irmáns que se xuntan nesa lingua común (fala) e elemento aglutinador e vivificador en dita alianza. Esta agrupación, porén, tampouco nacerá de xeito espontáneo, ao beber das fontes tanto do provincialismo como do rexionalismo, e da actividade sindical agraria (Solidaridad Gallega, 1907; Acción Gallega, 1910), que xogará un papel fundamental. O derrubamento da fidalguía, a consolidación dunha pequena burguesía industrial e financeira, co desprazamento poboacional do campo ás cidades (nace o proletariado, os foros desaparecen), conseguirán profundas mudanzas. 
As Irmandades da Fala constituiranse após unha asemblea celebrada na sede da RAG o 18 de maio de 1916. O ano anterior, Aurelio Ribalta, escritor ferrolán residente en Madrid, fixera un chamado en defensa da lingua a través da revista Estudios Gallegos. Créase a Liga de Amigos do Idioma Galego. As ansias destas Irmandades serán canalizadas polos irmáns Vilar Ponte, e estenderanse a outras localidades galegas despois (Vilalba, Betanzos, Santiago, Pontevedra...), se ben ha de ser a de Lugo (1918) a que defina as bases políticas que as rexerán: a autonomía integral de Galiza e federación ibérica de pobos, a oficialización e dignificación da súa lingua e cultura, e a programación dunha política económica diferenciada que permitise resolver os problemas sociais do país. Con todo, na asemblea habida en Monforte (1922) apróbase o abandono da liña política e abrázase a culturalista. En suma, quer nun, quer noutro caso, ambas as liñas proclamaranse como nacionalistas. 
Canto á creación literaria das IF, non se tratará dun grupo literario propiamente dito nin tampouco dunha corrente estilística. Esforzáronse, iso si, en tentar cultivar os xéneros literarios que menos se tiñan traballado até o momento, quérese dicir, a prosa –sobre todo narrativa curta– e o teatro. A poesía, ben que mal xa viña sendo de sempre o xénero mais cultivado, cunha liña continuadora co séc.XIX e outra cunha tendencia prevangardista. O ensaio centrarase na teorización a respecto do nacionalismo (esencialmente culturalista e tradicional), pero teremos, así mesmo, o ensaio histórico, cunha reformulación do celtismo oitocentista (virado para o atlantismo), e o interese tamén quer pola prehistoria, quer polo séc.XIX. 
A adhesión dos escritores á narrativa e ao teatro entenderase como unha necesidade. Nacen así diferentes coleccións de novelas breves: “Terra, a nosa!”, suplemento de El Noroeste, a editora “Céltiga” de Ferrol ou a “Lar” da Coruña. Non ocupaban unha extensión alén das 50 páxinas, a trama costumaba ser sinxela e estaban ambientadas nun contexto urbano e moderno, mesmo podendo chegar a ser fantásticas. Os asuntos abordados ían desde unha reconstrución ficcional da nosa História, pasando pola reflexión sobre a cultura própria e a interpretación do presente colectivo, até a incorporación de temática non galega, a reescrita de temas populares ou a prosa didáctica con intención creativa. 
No campo teatral, apóstase pola creación dunha escola de teatro. O xénero verase reactivado a partir de 1915 grazas ao traballo dos coros folclóricos e populares, que o incluirán dentro das súas actividades. O Toxos e Froles foi o primeiro en facelo, propiciando que varios autores se convertesen en verdadeiros impulsores dunha dramaturxia nacional, didáctica e popular sobre todo. Mais o pulo esencial, porén, sucederá coa creación das IF, en que o teatro pase a ser unha arma político-ideolóxica ao servizo da causa nacional. Convócanse premios e son frecuentes conferencias. Nace así o Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919), até que en 1922 se transforma en Escola Dramática Galega, ano en que o nacionalismo galego entre en crise e as Irmandades fiquen finalmente disoltas. Regrésase así ás teses máis costumistas e ruralistas, esquecéndose as temáticas histórico-lendarias na procura da construción de mitos, ou a busca da universalidade en diálogo con diversas correntes estéticas europeas. 
En resumo, os límites temporais das IF non son fechados. A primeira Irmandade nace na Coruña en 1916, mais a actividade literaria tende a ser confusa coa da revista Nós (1920) e a do Seminario de Estudos Galegos (1923), cuxos membros tampouco poden ser entendidos sen a súa existencia. A procura dun código lingüístico axeitado, dunha norma supradialectal, fora pedra angular destes homes. O xénero ensaístico foi testemuña disto, recomendándose o achegamento ortográfico do galego ao portugués, así como a necesidade da galeguización do ensino. As Irmandades da Fala, en suma, foron o foco irradiador de todas estas ansias, tanto culturais como sociais e políticas do noso nacionalismo.