O inquietante mundo que nos espera

Escoitabamos na radio días atrás unha reportaxe do máis sorprendente. Un pai e un fillo italianos, que posúen unha empresa de equipamento para mergullo, decidían levar a cabo unha extraordinaria iniciativa subacuática. Farían descender varios globos ao fondo do mar para tentar cultivar plantas. E aínda podendo parecer loucura, o certo é que eles basearon o seu proxecto en tres principios básicos: acceso á auga, unha temperatura constante e ausencia de parasitas. De modo que a unha profundidade de entre 5 e 10 metros foi así que colocaron os seus globos, ancorados ao fondo, e plantaron alfábega. E todo isto a unha temperatura constante de 25°, ademais de irrigación, parte da cal procede da condensación desa temperatura dentro da campá. Disque a planta medra máis rápido que na superficie, e que a única diferenza coa terrestre estriba en ter un sabor máis forte. Estamos a falar do proxecto Nemo’s Garden.
Non obstante, unha vez escoitada a anterior noticia, asaltounos novamente o delirante proxecto do TTIP, o Tratado Transatlántico de Comercio entre a UE e os EEUU, e que hoxe, con tanta saturación informativa (gobernos e desgobernos, eleccións autonómicas, ruptura do PSOE e demais), pasa con pés de la perante a nosa vista. No pasado 19 de setembro foron varias as cidades europeas as que saíron ás rúas para protestar contra estes acordos, especialmente en Berlín. Claramente, os proxectos deste tratado traerán consigo a deterioración da democracia, porán en perigo o medio ambiente e as condicións laborais e, no caso concreto da seguranza alimentaria, sabemos que vai perigar dunha maneira exponencial. Falabamos do uso de transxénicos, mais tamén dos pesticidas que se expanden pola atmosfera, terra e acuíferos, e que haberá de ser moito peor para as poboacións canto máis próximas estean ás plantacións.  
Con todo, aínda existe unha segunda variábel, tanto ou máis inquietante se cabe. Estamos a  referirnos á China, á compra case compulsiva a que se entregan estes empresarios do Extremo Oriente, ávidos por se facer con empresas en dificultades. Por mandato gobernamental, pois son estratexias de investimento dirixidas desde o Goberno chinés, prodúcense negociacións en sectores como o enerxético, turismo, as telecomunicacións, a industria alimentaria pero tamén no do fútbol. Así, a compra da compañía estadounidense Smithfields Foods, a maior empresa produtora de carne de porco do mundo; o aluguer durante 50 anos de millares e millares de hectáreas en Siberia para cultivos; ou a adquisición da multinacional suíza de sementes Syngenta, serven como algúns exemplos do que está a acontecer. En Galiza en particular, dentro do sector agroalimentario, xa teñen posto a súa mirada no caso das conservas. 
En só vinte anos, a China pasou de ser unha potencia importadora de produtos agroalimentarios, a se converter na primeira potencia produtora deles en todo o planeta e estender os seus tentáculos polos cinco continentes. Mais agora a aposta do Goberno é a de mudar a China de país importador a exportador. Polo que, salta á vista que o problema para terceiros haberá de ser cada vez máis agudo. A exportación de todo tipo de produtos agroalimentarios, a prezos tan abusivos, será a ruína de moitas empresas doutros países. Pénsese no noso precario sector leiteiro; mais tamén no conserveiro (xa se fixeron coa conserveira Albo de Vigo) e o que lle puidese deparar no futuro. 
Xa o falaramos no seu día a respecto do TTIP, tamén coñecido como Tratado Vampiro, Constitución das Multinacionais, etc. Cláusulas en que, a través dun sistema de arbitraxe entre investidor-estado, un bufete de avogados pode querelarse contra un estado por non cumprir o estipulado e verse este a ter que custear sumas millonarias. Convenios laborais que serán reducidos á mínima expresión; os fondos de investimento privado, que serán beneficiados en detrimento das pensións públicas; as técnicas de fracking xeneralizaranse; as certificacións de orixe desaparecerán; alén de moitas outras cousas que xa fomos nomeando. 
Dun modo máis silente, a China estanos a comprar. A adquisición no seu día de enormes cantidades de débeda pública ao Estado español marcou o punto de non retorno. Estámolo a ver, vistas as facilidades postas para que os chineses negocien e se fagan con empresas enteiras ou con participacións importantes, e só faltaría agora o traslado das condicións laborais do seu país para o noso, ou a deslocalización das empresas adquiridas se así o xulgaren conveniente. 
Comezabamos cun proxecto de agricultura submarina innovador e ilusionante dun pai e un fillo italianos, Nemo’s Garden. O éxito, aínda que non garantido, pode até parecer plausíbel. O litoral de arredor do noso globo é ben amplo. As tres condicións antes expostas, idóneas para o cultivo, danse. Só falta viren atrás o TTIP ou os feixes dos billetes dos chineses para se faceren coa patente da Nemo’s Garden, pois tan inquietante é, por desgraza, o mundo que nos espera. 
 

O inquietante mundo que nos espera

Te puede interesar