“IMAXÍNATE NUN PAÍS NORMAL”, 25 ANOS DE CINE GALEGO

Cando aínda  están a resoar os ecos do espléndido filme de Ignacio Vilar, A esmorga, vénnos o recordo daquel maio de 1990, do momento en que desde a Comisión de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Fene, se levaba a cabo unha importante actividade de mostra de cinema galego. A sala do hoxe desaparecido Perla acollía así a proxección deses tres filmes que neste ano celebran o seu vixésimo quinto aniversario: Continental, Urxa e Sempre Xonxa. Mais completábase esta programación de que fixemos parte —e cuxo programa de man levou por título Imaxínate nun país normal—, con outras tres fitas: a mediametraxe Río de sombras, de Daniel Domínguez, e as curtametraxes Mamasunción e Esperanza, ambas de Chano Piñeiro.
O malogrado Chano Piñeiro foi, se cadra, o adaíl máis certeiro deste rexurdimento. Pena que a súa produción ficase enmudecida tras a súa temperá morte en 1995. Primeiro director de longametraxes en apostar decididamente pola lingua galega, foi autor ben significado e un verdadeiro autodidacta. Con Mamasunción, onde se nos relata como unha anciá ve pasar os días sen que lle cheguen noticias do fillo emigrado en América, consegue o recoñecemento internacional a través de varios premios. A ollada lírica sobre os dramáticos efectos da emigración fican plasmados no rostro desta velliña á espera dunha carta do fillo, a cal nunca dá chegado, non sendo unha en que se lle conta que el morreu, deixándolle unha cuantiosa herdanza. A desolación da muller translúcese de maneira moi gráfica, tanto que recolle os billetes e os acaba por queimar.
Meritorio é ter conseguido facer universalismo afondando no máis propio. Porque as coitas, os medos, as angustias, etc. que a mai velliña transmite desde a súa pobre casa de aldea á espera de noticias do fillo, acaban conmovendo o espectador. Nunha certa medida, tamén sucede en Sempre Xonxa, ora a ambición talvez puidese máis que os cartos de que dispuxo Chano Piñeiro para poder desenvolvelo de xeito máis atinado. O trío formado pola Xonxa, o Pancho e o Virutas, coas súas andanzas de infancia e adolescencia e despois madurez, deixan ver as tensións amorosas, a emigración, a miseria, o humor, a vida na aldea que vai agonizando, e que son as que enmarcan o relato. Mais do elemento realista sáltase tamén ao fantástico ou máxico, representado polo excéntrico personaxe do Caladiño, inventor dun estrambótico aparello voador con ás movíbeis e accionadas polos pedais dunha bicicleta, quen finalmente logra sobrevoar a aldea.
Urxa, de Carlos A. López Piñeiro, tamén do ano 1989, adentrábase no aspecto máis ancestral. Unha bruxa que vive nunha remota paraxe do rural garda un segredo lendario, máxico, que será o fío condutor de tres historias engarzadas; só coa chegada dun investigador sucederá o descubrimento.
Foi unha das primeiras longametraxes de ficción da nosa cinematografía, xunto a Continental, de Xabier Villaverde, así mesmo de 1989. De xénero negro, trátase dun drama de acción en que dúas bandas de delincuentes mafiosos tentan obter o dominio dos turbios negocios da prostitución e do contrabando do tabaco.
En suma, estas tres longametraxes viñeron a representar o Annus Mirabilis da nosa cinematrografía, ano en que hoxe celebramos o seu vixésimo quinto aniversario. Os seus precedentes habería que ilos buscar á decada anterior, grazas ao impulso dado polas Xornadas de Ourense, entre cuxas declaracións de intencións –alén de que a lingua galega especificase a súa autonomía– dicíase: “Non cabe falar de cine galego se de Galicia se utiliza só a paisaxe, os escenarios, o tema folclórico. A melaza señoritil de La Casa de la Troya e o naturalismo literario de El bosque del lobo non nos pertencen, nada noso teñen”.
Daquela realízanse, sobre todo, curtametraxes: Retorno a Tagen Ata, de E. Lozano, baseada na obra homónima de Ferrín; O pai de Migueliño, de Miguel Castelo, nunha das Cousas de Castelao; O cadaleito, de H. Baixeras; ou Fendetestas, de F. Simón, en El bosque animado de Fernández Flórez. Este labor irá a máis, coa posibilidade de exportar o cinema, creando unha produtora (Nós, Cinematográfica Galega, S.A.), a convocatoria de concursos, etc. Manuel María, con Abril lume e ferro, será o primeiro gañador, e Mª. X. Queizán a segunda con Con hoxe e con mañán, na modalidade de longametraxe. X. Bartolomeu López Regueiro, con Xan de Outeiro, serao co primeiro de curtametraxes, e Manuel Lourenzo o segundo con A morta viva.
Ditas xornadas, xunto coas do Carballiño, tornáronse nas promotoras deste noso primeiro cinema. Aínda que habería que colocar os albores moito máis atrás no tempo, antes da Guerra Civil, cos documentais Mariñeiros, Galicia ou O carro. Velaquí os alicerces, os elementos fundacionais, hoxe reforzados coa extraordinaria versión cinematográfica de Ignacio Vilar sobre a novela homónima de Blanco Amor, A esmorga, un bon legado, pois, para celebrar estes 25 anos desoutro ano salientábel para o noso cinema, 1989.

 

“IMAXÍNATE NUN PAÍS NORMAL”, 25 ANOS DE CINE GALEGO

Te puede interesar