• Miércoles, 07 de Diciembre de 2016

Illas de plástico

No cuadrante estantío das estrelas/ ficou parada esta hora:/ O cadáver do mar/ fixo do barco un cadaleito. Catro versos do noso inmortal Manuel Antonio, dos cales quixera determe nos dous últimos.
 

No cuadrante estantío das estrelas/ ficou parada esta hora:/ O cadáver do mar/ fixo do barco un cadaleito. Catro versos do noso inmortal Manuel Antonio, dos cales quixera determe nos dous últimos. Achámonos diante, quizá, dun dos seus máis logrados poemas, “Sós”, en que a soidade enmarca por enteiro a composición. Mais perdan coidado, o eixo central deste artigo non vai de poesía, nin sequera sobre a biografía do malogrado rianxeiro. E digo malogrado pois morre con tan só trinta anos, aqueixado pola tuberculose. E a súa poesía, exigua pero intensa, até parece intuír o mal de que padecía. Fálase da soidade, mais tamén da angustia en que a premonición da morte se deixa ver, asociándose coa voz lírica, co mar e co barco, para levar dentro de si o cadáver. 
Mais falemos das illas de plástico, hoxe unha realidade nos nosos océanos. Correntes mariñas circulares conseguen concentrar toneladas deste produto contaminante e daniño. No Pacífico norte existe actualmente unha illa duns 100 km de lonxitude, visíbel desde o espazo. A contaminación dos nosos mares por plásticos afecta en superficie, a media profundidade e fondos mariños dun xeito alarmante. Nun estudo de 2010 sobre os 192 países ribeiráns do mundo, calculáronse uns oito millóns de toneladas de plásticos os que anualmente van parar ao mar: un 3% do seu lixo plástico, dun total de 275 millóns de tm, de cuxas consecuencias a longo prazo aínda non sabemos demasiado, mais si dos males sobre a fauna, tanto en mamíferos mariños como aves. 
Debemos subliñar o empeño de Boyan Slat, un mozo neerlandés de 23 anos que buscou o micromecenado de millares de persoas para poder conseguir 15 millóns de euros con que realizar un proxecto piloto de limpeza inventado por el. A través das redes sociais foi capaz de facelo realidade: un aparello de 2 km de lonxitude, dotado dunhas barreiras flotantes en forma de “uve” que, aproveitando as correntes, dirixirán ditos residuos plásticos para unha especie de funil colocado no centro. Uns barcos recollerán despois o produto para a súa reciclaxe e venda, voltándose así a recadar diñeiro para poder continuar o proceso. Sábese, con todo, que esta non ha de ser a panacea. Descoñécese a elevadísima cantidade de pequenos anacos plásticos que poden estar a alfombrar os fondos mariños, non obstante trataríase dunha solución enxeñosa que contribuiría a minorar o problema, cuxa erradicación total (improbábel a curto prazo) só se produciría de non existiren os tales vertidos ao mar. 
Hoxe é notoria unha certa banalización do asunto medioambiental nos medios de comunicación. O cambio climático está aquí, pero coma se a consigna fose “non hai mal que por ben non veña”, hai telexornais que nos informan sobre as bondades, por exemplo, do desxeo do Ártico. As multinacionais e consignatarias de buques, polo que parece, esfregan as mans á calor deste colosal desastre, un encadeamento de desgrazas a medio prazo, mais que eles ven como negocio de trafego e transporte que acurtaría as conexións por mar entre continentes. De feito, xa existen refuxiados ambientais pola subida do nivel do mar, como é no caso de Tuvalu, un arquipélago-estado no Pacífico. Aínda que a existencia dos tales refuxiados, por máis que haxa quen queira cuestionar e legalizar sobre papel, acontece por centos de millares ano tras ano debido ás intensas secas ou ás inundacións, por exemplo. 
O historiador Yuval Noah Harari ofrécenos unha visión apocalíptica acerca da dirección á que nos encamiñamos como civilización. Os ricos serán capaces nun futuro próximo de poder prolongar a súa vida, pois farán parte dunha elite de humanos mellorados con grandes capacidades, no que a intelixencia, creatividade e moralidade respecta. A robotización, a intelixencia artificial, se nos sometemos cegamente a isto, fará que moitas profesións acaben por desaparecer, ademais do interese do Estado en investir en saúde e educación nas masas. Serán enxeñeiros e empresarios os que manexen as nosas vidas, non os gobernantes. 
Escoitabamos na radio no pasado domingo o dúo de acordeóns Tiberevi, con “Mar de plástico”, título que nos evocou canto estamos a contar, e que tocabamos no artigo anterior ao falar sobre o TTIP e sobre a vertixe do capital chinés. O mundo, as mudanzas a que estamos a asistir nos últimos tempos non deixan de producirnos máis que arrepíos. O horizonte tecnolóxico, que xa non o é dos maiores, ten capturado nas súas redes inxentes cantidades de individuos. Xogos, mundo virtual, redes sociais, biotecnoloxía, etc., lonxe de crear un mundo inocente, atrapa na súa xigantesca malla de intereses creados información, datos, algarismos que se transforman en control sobre as nosas persoas. Manuel Antonio, meu pobre!, agoiraba premonitoriamente un temperán final por medio dos seus versos. O noso podémolo emendar a tempo, desacelerando o cambio climático, impedindo que as novas tecnoloxías decidan no noso nome. Actuemos logo antes que o cadáver do mar faga de nós un cadaleito.