• Jueves, 27 de Abril de 2017

A Escola Obreira de Ferrol

Pese a inaugurarmos hai doce días novo ano, non podiamos desaproveitar a ocasión de render

Pese a inaugurarmos hai doce días novo ano, non podiamos desaproveitar a ocasión de render a nosa pequena homenaxe á Escola Obreira de Ferrol, cuxos cen anos celebramos en 2016, cando a súa homónima de Cartaxena, a cal pode presumir tamén de lonxevidade, só fixo os noventa e un. E permítaseme a broma, que non se trata de presunción, senón de constatar un modelo non exclusivo da nosa cidade. 
O caso é que con motivo do centenario deste centro educativo, polo cal pasaron un número nada desprezábel de rapaces, saíu á luz un fermoso libro patrocinado pola propia Navantia, o cal me foi agasallado e que tiven ocasión de ler hai uns meses xa. Titúlase “100 Años. Escuela Obrera de Ferrol. Un siglo de porvenir”. Compóñeno artigos de diferente porte e autoría, así como de temática, aínda que cun evidente fío condutor común que os vai ligando entre si. 
A historia da Escola Obreira e da de aprendices é desenvolvida con criterio e pormenor, así como o contexto educativo existente en Ferrol a través dos tempos. Tamén é de destacar a importancia da aprendizaxe musical a cargo do padre Fanego, a relevancia do deporte no estaleiro, cuxas actividades eran do máis variadas, ou as anécdotas e a actividade sindical. 
Apostariamos por que esta publicación se converteu nun agasallo recorrente durante este Nadal, xa por Papá Noel (haberá quen o fixese polo Apalpador?), xa por Reis. Se cadra, mesmo nun dos libros de maior venda en toda a cidade e comarca, a xulgar pola fruición con que observamos como cada persoa (evidentemente, dunha certa idade) que nolo vía tiña a tentación de pasar as páxinas, estudar con detalle as fotografías que acompañan a publicación ou de ler treitos picados pola curiosidade. 
Todos tiñan amigos, familiares ou coñecidos ou eran eles mesmos os que frecuentaran a Escola Obreira. E a todos víaselles a ilusión no xesto, iluminábaselles a cara, facían memoria e recitaban os nomes dos compañeiros, dos profesores e demais cargos que estaban a ver naquelas fotografías. Regresaban á infancia, á mocidade, de modo que a saudade se accionaba a través das páxinas desta publicación tan ben realizada, un referente xa da nosa historia local e de que todos nos debemos sentir orgullosos. 
En definitiva, porque ao longo das súas páxinas podemos ir observando toda unha pléiade de artigos de interese, quer pola variedade temática, quer polo valor documental, quer polo saudoso e sentimental igualmente, pois cada persoa achegará nisto as súas razóns particulares. 
A Escola Obreira nace en 1916 e extínguese en 1976. Con anterioridade, a actividade comezaría en 1915 nun local da rúa do Sol. Sería construído despois un edificio dentro das instalacións do estaleiro, de cuxa perda debemos lamentarnos agora, tanto polo seu bonito deseño modernista como pola súa feitura funcional, seguindo o módelo pedagóxico da Institución Libre de Enseñanza. 
Aos ingleses débeselles o fomento do exercicio físico coa introdución dos deportes de equipo. Non obstante, a súa influencia mídese máis que nada polo que se observa nos procesos industriais; noutros moitos ámbitos e costumes da sociedade da época (véxanse os traballos publicados por Guillermo Ferrández e outros), ha de terse en conta igualmente. A xénese de todo remontámola a 1908, cando o Ministerio da Mariña adxudica un concurso para articular o Plan Maura-Ferrándiz á Sociedade Española de Construcción Naval, de capital español e inglés. A modernización da escuadra, decimada tras o desastre do 98, materializarase na construción de tres acoirazados, outros buques menores, importantes obras de mellora no Arsenal e, no que aquí máis nos interesa agora, na creación dunha escola para a formación dos fillos dos obreiros. 
O nacemento da Escola Obreira (escola de beneficiencia para os fillos dos obreiros), vén paliar dalgún xeito o deficiente grao de escolarización existente en Ferrol, acorde co do resto do Estado e parello, consecuentemente, ao alto nivel de analfabetismo xeral. 
A Lei Moyano (1857), a que estabelecera un sistema educativo obrigatorio para o ensino básico, non será unha realidade até case cen anos despois. É o suficientemente ilustrativo o dato ofrecido por El Correo Gallego, de 26 de setembro de 1908, cando cifra en só 300 nenos escolarizados en Ferrol para unha cidade de máis de 26.000 habitantes. 
A Escola Obreira, xa que logo, supuxo unha formación educativa extraordinaria para bastantes xeracións de rapaces, moitos do cales nin terían soñado no seu momento con poder asistir á escola regularmente. 
Obtiveron así estudos básicos e aqueles que máis se aplicaron puideron continuar logo para a Escola de Aprendices, para coroar deste xeito toda unha formación que os levou a todo tipo de oficios dentro do estaleiro, mesmo nalgúns dos casos cara a postos de xestión, deseño e directivos. Saudemos, pois, este feliz centenario á vez que esta extraordinaria publicación, reflexo do orgullo de tantas promocións escolares, e que tan vivamente lles recomendamos.