Escavacións en terras bíblicas

A boa amiga Bea Antón, xornalista, vén de escribir unha interesante reportaxe no sábado pasado acerca das novas escavacións que se están a iniciar en Palestina coordinadas polo profesor de Historia Antiga da UDC, Juan Luis Montero Fenollós

A boa amiga Bea Antón, xornalista, vén de escribir unha interesante reportaxe no sábado pasado acerca das novas escavacións que se están a iniciar en Palestina coordinadas polo profesor de Historia Antiga da UDC, Juan Luis Montero Fenollós. Desde estas páxinas do Diario de Ferrol, non é a primeira vez que nos adentramos tematicamente nos interesantes proxectos que dita universidade, conxuntamente coa Universidade Nova de Lisboa, está a levar a cabo por terras de Oriente Medio.

Alá atrás foron ficando, no entanto, as malogradas escavacións ás que con tanto entusiasmo e cariño se dedicaran no Medio Éufrates sirio, hoxe estragado pola guerra que asola este territorio desde 2011.

Así pois, finalizada a fértil etapa siria por razóns de forza maior, o rumbo deste intrépido arqueólogo, de cuxa sorte participa o outro dos coordinadores, o portugués Francisco Caramelo, acabou por dirixir os seus pasos cara a outro territorio algo menos convulso.

Custa traballo dicir que Palestina goce dunha estabilidade maior do que Siria, pero así é, polo menos en termos bélicos ou de guerra aberta.

É lícito que saiban vostedes o cúmulo de problemas con que os profesores e resto da expedición se teñen encontrado en terras baixo xurisdicción do Estado de Israel. Porque a primeira intención fora a de tentar escavar en territorio israelita. Porén, unha vez sopesada a multitude de problemas administrativos e de seguranza que se lles puña, a decisión foi a de descartaren tal posibilidade.

Problemas aos que habería que engadir, ademais, a obriga de ter que xustificar todo tipo de escavación que alí se fixese tentando ilustrar, verificar e entender mellor o Antigo Testamento, tendo que probalo a través das descubertas. O propio J.L. Montero Fenollós dinos así no seu libro “Arqueología, historia y Biblia. De la torre de Babel al templo de Jerusalén”, do ano 2008: “Pero, ¿puede o debe la arqueología probar las verdades bíblicas? Evidentemente, no. Imponer a la arqueología unos objetivos inalcanzables, como la prueba de la fe, es un grave error”. Sobran, francamente, máis palabras ou aclaracións ao respecto. Israel, en definitiva, era inviábel.

Fíxose preciso, por tanto, ter que pasar á segunda das opcións. Negociar co goberno palestino era outra das posíbeis solucións para o caso.

Todo este atractivo territorio de Terra Santa, á fin e ao cabo, atesoura decenas de xacementos por escavar de enorme transcendencia. Pero outros problemas, aínda que aquí dunha natureza ben diferente, comezaran a rondar. O factor de illamento que sofre o territorio palestino, asfixiado e atormentado polo exército israelita, non o puxo nada fácil.

Alén disto, producíronse obstáculos como o do aloxamento, se ben finalmente puido ser solventado; e un último requirimento, co que non se contaba, e que implicaba a obriga de ter que contratar persoal palestino, así estipulado polo seu goberno.

O exiguo orzamento converteuse, deste xeito, en asunto de capital importancia, dado o diñeiro achegado pola Fundación Palarq de Barcelona, o Cham de Lisboa e o Instituto Arqueolóxico de Xerusalén —fundado por un bispo galego en 1955— resultar insuficiente para poder abordar o proxecto arqueolóxico de Tell el-Fara. Tell el-Fara, dígase de paso, que é comparábel historicamente á mítica cidade de Xericó, enclave aquel que xa fora parcialmente escavado por unha expedición francesa entre 1946 e 1960, levado a cabo polo dominico Roland de Vaux, un dos maiores arqueólogos e biblistas do séc. XX.

Cómpre dicir así mesmo que o xacemento foi abandonado tras a morte do relixioso e a convulsa situación deste territorio de Oriente Medio.

O pasado 14 de outubro finalizaba “1517-2017. V Centenario da Reforma. Exposición de Biblias” no edificio de Afundación. É cousa sabida que o mundo católico nunca se prodigou na lectura da Biblia entre os seus fieis, pois prohibiuna e puxo grandes trabas até hai ben pouco tempo.

O Concilio de Trento de 1546 supuxo un freo á tradución da Biblia ás linguas vulgares, ao teren entendido as autoridades eclesiásticas que este fora un dos medios de propagación da Reforma. Só tras o Concilio Vaticano II (1959) foi cando se levantaron por fin as restriccións que pesaban sobre os leigos para a poderen ler. De todo isto e moito máis tratou esta interesantísima exposición, acompañada de conferencias.

É incontestábel o papel que a Biblia xogou no seo das igrexas protestantes, papel claramente oposto ao do mundo católico. Así pois, as Sociedades Bíblicas naceron pola importancia que os evanxélicos concederon de sempre á lectura e meditación persoal da Biblia. E é que rexeitada a idea da existencia de mediadores entre Deus e os homes, os evanxélicos poñen moita máis énfase no estudo persoal do Libro, pois xulgan que Deus se revela a través das súas páxinas.

Desde unha visión nitidamente radical, ou fundamentalista se se quere, foi como foron xurdindo así mesmo diferentes tipos de expedicións a Terra Santa, cuxa finalidade estribaba en buscar evidencias por medio dos achados, os cales xustificasen a palabra das Sagradas Escrituras.

Desde os EEUU, a arqueoloxía bíblica callou con forza, pois estaba subxugada aos estudos bíblicos. O máis fiel representante ideolóxico desta arqueoloxía bíblica haberá de ser o teólogo presbiteriano George Ernest Wright. Segundo el, a misión do arqueólogo era a de tirar á luz a base histórica da fe xudeu-cristiá.

Ora, segundo o profesor Montero Fenollós: <”La disciplina que cultivan los arqueólogos no está ni para confirmar, ni para rebatir creencia religiosa alguna. La arqueología solo puede ofrecer una reconstrucción del ambiente histórico y cultural en el que nació y se desarrolló esta fe”.  Do que se conclúe, tamén coas súas palabras: ”Lo importante es no perder el objetivo científico, esto es, descubrir el mundo histórico en el que los libros bíblicos tomaron forma y significado, y no pretender demostrar la historicidad de las afirmaciones de las Sagradas Escrituras”.