Curiosidades e labirintos

Desde épocas recuadas, con máis realce a partir do séc. XIX por causa da vea romántica que o permeou todo, tendeuse a falar a respecto da historia das nosas linguas de maneira que se pretendeu construír un mito que fundase os seus alicerces no máis nobre dos berces. Así, os nosos historiadores do momento, quéirase Murguía ou o noso conterráneo, Vicetto, quixeron levar estas raíces até tempos inmemoriais. De forma visionaria, xa Martiño Sarmiento o adiantaba anos antes ca eles, no século precedente: “No se puede hablar del origen de la lengua gallega sin enredarse en el origen de las otras lenguas o en el Labyrinto no creditorum, que es más enredoso e inextricable, por no haberse hallado hasta ahora ninguna Ariadne que les comunicase el hilo, o para salir a salvo, o para formar algunas hilaciones más que de congruencia”. 
O mesmo autor voltaba a ironizar falando de como o fervor nacional ten conducido a enxalzar a virtude, case sacral, como a de Amira pola súa lingua siríaca, a de Goropio Becano pola súa teutónica, a do Padre Pezron e doutros franceses pola céltica, etc., pois unha remotísima raíz e, a poder ser, de bíblica condición, rondaba na cabeza de todos eles. 
Así pois, for unha ou outra a lingua falada por Noé, o caso é que logo acabou por vir a confusión, ou mal de linguas, naquela afamada torre de Babel, de forma que ben difícil de averiguar será hoxe poder saber cales foron as linguas que de alí saíron, dado que Deus xamais quixo revelar nada ao respecto. 
Pegando agora unha pequena viraxe histórica, etimolóxica e, máis que nada, case-mitolóxica cara a certos topónimos curiosos de noso, e cos que estamos a convivir a diario, dicir que en varios foros temos encontrado páxinas alusivas a nomes de lugar bastante orixinais por unha ou outra razón (Feces, Boimorto, Auga Mexa, Carantoña, Cariño, etc.). Con todo, queremos agora fixar a nosa atención noutros que teñen que ver cunha fenomenoloxía algo diferente. Así pois, referímonos a Ares, Atios, Fene e Pindo. Topónimos eles con evidentes connotacións (só en aparencia) mitolóxicas, gregas ou doutro teor, pero sempre de antigos pobos prestixiados, e que, a bon seguro, han de parecerse a aquilo que os lingüistas chaman “falsos amigos”, unha vez comparamos palabras semellantes nun e noutro idioma, e que implican, para un mesmo significante, significados desiguais. Pensemos, por exemplo nas palabras inglesas “actual”, cuxo significado é o de ‘real’, e “sensible”, que vén significar ‘sensato’, as cales poden ser motivo de engano no noso idioma. 
O topónimo Ares, que serve para designar a ría do mesmo nome, así como a vila con que facemos referencia a certo concello da comarca de Ferrol, poderíanos facer pensar no deus grego da guerra mais, segundo Isidoro Millán González-Pardo, respondería a un hidrónimo. Dito doutro xeito, respondería ao nome dun río, que se correspondería case seguro co do actual Eume. Fala el que tería sido de aplicación ao tramo final do río (o resto procedería da voz céltica Ume), á desembocadura ou foz, alí onde se produce o seu alargamento coma se fose unha sorte de lagoa. O nome procedería do tamén céltico Anaris, que tería evoluído até a voz Ares actual, e que nun diploma de 1137 aínda se escribía como Aares. Voz ‘río’ á que igualmente puidese facer referencia a forma Atios, dunha palabra céltica ata, designativa dunha corrente fluvial. A área montañosa da Calcidia grega, curiosamente, recibe o nome de Athos, lugar onde existen vinte mosteiros ortodoxos, que forman un territorio autónomo. Mais o noso topónimo, presente en Valdoviño pero tamén no Porriño, se cadra teña maiores probabilidades de se relacionar coa raíz Attila, nome xermánico de persoa, máis o sufixo latino -anus, cuxo significado último é o de pai. 
Para o caso de Fene, tense dado a explicación fantasiosa de antiga colonia comercial de fenicios, pero trátase dun topónimo opaco que poida que proceda dun étimo xermánico, con varios resultados en diferentes ramas da familia xermánica (fani, fen, fenne, feni), cuxos significados oscilan entre “fango, lodo, lama” e “pantano”. 
A voz “fango” acharíase emparentada con este topónimo. E aínda o monte Pindo, que nos trae connotacións helenísticas de novo, ao designar un macizo montañoso do norte de Grecia, chamado polo mesmo nome que o da desembocadura do río Xallas. 
O noso glorioso monte Pindo, que cantaran poetas como Añón: “Eu soñei ver no cume do Pindo,/ adornados de mirto e loureiros,/ escritores, poetas, guerreiros,/ que sorrindo se daban a man./ Eran eses os fillos máis caros/ que da patria aumentaron a gloria;/ os seus nomes nos fastos da historia/ con diamantes gravados serán”. Unha vez máis, nada sabemos sobre a procedencia deste orónimo (do céltico *penn- “rocha, outeiro, alto”?); pero do que si podemos ter seguranza é de que a nosa curiosidade nunca ha de ser menor que a daqueles homes do dezanove cando fantasiaban sobre as orixes da nosa lingua, tan cheas de nobilísima prosapia.

Curiosidades e labirintos

Te puede interesar