Cultura dialóxica

Resulta obvio dicir que na arte o diálogo ha de ser un principio inmanente. De maneira tradicional, cada pobo ten experimentado unha forma particular de expresar a arte que o singulariza sobre as demais culturas. Pero caixas herméticas non somos, ben ao contrario, caracterizámonos por sermos unha sorte de vasos comunicantes desde antano. As lendas populares, p.e., mesmo as tidas por máis xenuinamente galegas, acaban encontrando versións semellantes noutras zonas de Europa, ou tamén os contos populares, como ten estudado V. Propp. O mesmo acontecerá coas mitoloxías e, coa súa expresión máis elaborada, o feito relixioso, representado a través das distintas fes que se profesan no mundo. Consecuentemente, e atendendo ao principio da dialoxía, o salto cara ás expresións artísticas e culturais en xeral, xa non populares, senón con vontade creativa individual e vocación de transcendencia, faise patente cada vez máis nesta sorte de aldea global e tea de araña en que todos nos vemos interconectados.
A presentación da nosa última novela, “Entrada ao xardín do saber”, o 19 de xuño en Sargadelos, fíxonos pensar sobre este aspecto. Porque este diálogo, coidamos, acabou por cobrar unha certa solidez e até se veu materializar, dun ou doutro xeito, a partir de certos conectores a levar en conta. Días antes, Pablo López inugurara a súa exposición “Cian. Magenta. Amarelo”, formada por seis impresións dixitais en lona, outras máis pequenas elaboradas en papel, un tótem de madeira, alén dalgunhas esculturas máis e instalacións. A plasticidade casual de tan curioso envoltorio serviu, pois, para acoller a nosa presentación, xunto á grata compaña dun numeroso auditorio, e a charla a tres bandas en que nos involucramos Nicolás Vidal, Jose Fandiño e un servidor. Un diálogo sobre a novela, dito sexa de paso, en que Vicente Risco e o binomio Aurora-Hildegart Rodríguez Carballeira atinxen considerábel protagonismo. Dalgún xeito, o xigante espido con cabeza cadrada, arremedo de robot ou tótem andando sobre a surrealista Praza de España tan maltratada desde ben anos, e que Pablo López representou coas tres aludidas cores, veunos rapidamente ao encontro para facer parte dese diálogo. Unha sorte de transgresión ou burla ao despropósito da obra frustrada levada a cabo coa anterior praza, que foi o que tal se nos antollou. E ese ser totemizado, espírito dadá en certo modo, levábanos directos ao noso V. Risco, ao tamén retratado na novela, temeroso, entre outras, pola megalómana obra do home desafiando a harmonía, retando babelicamente a Deus querendo tentar alcanzalo dunha forma material, moi lonxe por tanto da espiritualidade debida para con el. Velaí o diálogo, alén de os totems –así bautizados polo seu autor– representaren en orixe o vencello sobrenatural que nós lles quixemos ver.
Nesta mesma galería Sargadelos, o 27 de xuño, puidemos asistir á presentación do libro “Otra Iglesia. Clero disidente durante la Segunda República y la guerra civil”. O profesor da universidade de Vigo, José Ramón Rodríguez Lago, falaba acerca do ferrolán Matías Usero. Matías Usero, ademais doutros cregos estudados na publicación (en que participan varios autores), foinos descrito cun certo pormenor, fornecéndosenos toda unha serie de elementos biográficos de interese que nos fixeron ver a existencia dun clero de ideas avanzadas, e diametralmente oposto, xa que logo, ao reaccionario sobrevindo na época  franquista. Licenciado en Dereito, ordenado sacerdote pola diocese de Mondoñedo, párroco, misioneiro e arquipreste en América, secularizaríase posteriormente e chegaría a casar. Era home culto, viaxeiro incansábel, escritor e masón. Profesou, ao igual que as dúas Rodríguez Carballeira a teosofía, teosofía pola cal tería sentido interese tamén o noso V. Risco, sendo militante Usero do Partido Socialista e disidente logo, ao igual que Hildegart, pois ambos abrazarían o ideario do Partido Republicano Federal.
Mais a teosofía, doutrina filosófico-relixiosa que tenta atinxir a esencia de Deus a través da intuición, buscando entre todas as confesións e a ciencia a sabedoría divina, abocaba a Matías Usero á condición de herexe no seo do catolicismo. Alén diso, o feito de ter acusado á Igrexa de “organización política retardataria do progreso humano, inimiga da democracia e o brazo máis forte da tiranía” —non esquezamos que, ademais de escritor, foi un brillante orador—, lévarono a abandonar o sacerdocio e afiliarse no PSOE. Grande amigo de Aurora Rodríguez Carballeira e, por conseguinte, da súa filla Hildegart, foi daquelas poucas amizades a quen soubo respectar esta muller de indómito carácter. En 1931 existen testemuños de teren compartido tertulia na súa casa de campo de verán. En agosto de 1936, sería executado polas súas ideas progresistas. En suma, un diálogo frutífero este en que nos vimos involucrados nun certo sentido, e que vivimos con grata sorpresa, unha vez tamén coñecemos será en decembro o centenario de nacemento de Hildegart.

 

Cultura dialóxica

Te puede interesar