CONTENEDORES MULTIUSOS

Cualificalo como triste sería demasiado simple, mais si inquietante ou perturbador, termos máis acordes ao noso propósito. Os que pertencemos a unha xeración que imos indo para maiores, xulgabamos que podían existir unha serie de principios fundamentais, máis ou menos de carácter universal, que na raíz non deberían ser tocados.
Craso erro, inxenuidade mesmo, visto o mundo estar a mudar a unhas velocidades con aparencias de vertixe. E non precisamente para mellor, cando é tan só a carcasa externa o que se modifica, para ficar finalmente desamparado o esencial –máis importante sen dúbida– por non se sabe que entes supragobernamentais que nos moven cal monicreques, e ora queiran mudar o sistema educativo para que nada mude (ofertemos Xadrez, Promoción de Estilos de Vida Saudábeis ou Investigación e Tratamento da Información, p.e., como a grandísima panacea escolar, e avaliemos a Relixión Católica como unha materia de igual rango ás demais, pois así o ditamina o extremismo democrático do executivo), ora nos queiran facer crer que a emigración é ‘conditio sine qua non’ para a inserción laboral ser efectiva, ora teñamos que ser servos da gleba do sistema bancario, a quen realmente rendemos máis tributo que á mesmísima Axencia Tributaria.
Esta é a razón do noso longo preámbulo, para falarmos do que é efémero en oposición ao que supuñamos permanente.
Tempos ha, todos entendiamos o que era un museo, unha biblioteca, unha universidade... Mais hoxe, os conceptos mesmo con aparencia máis lóxica e simple, convértense de repente, poñamos por caso, en contedores multiusos. Si. O outro día paseabamos polo centro e ocorréusenos entrar no edificio do vello Hospicio –“Antigo Hospicio Municipal. Concello de Ferrol”–, esplendidamente recuperado grazas ás axudas do FEDER e o Plan Urban. Límpido, impoluto, amplo, con aparencia de ser moi funcional, adaptado para persoas discapacitadas, etc. Quérese dicir, cumprindo todas as normas –cremos– que se deben cumprir a nivel europeo e cos avais de certificación ISO, caso de se faceren. As axudas, polo que parece, foron ben investidas.
Mais agora, que? En novembro de 2012, as obras foran finalizadas. A primeira idea de formación teórica para futuros hosteleiros (no 1º andar), con 3 aulas, cacifos e outros departamentos auxiliares, rexeitouse; disque irá para o CIS da Cabana. A suposta biblioteca (no 2º andar) está con estanterías baleiras. A oficina, dependente de Cofer, ocúpase do centro de documentación para a candidatura de Ferrol para Patrimonio da Humanidade (no 3º andar).
Calquera veciño ou turista pode asormarse a este bonito e recuperado edificio, xa que a súa arquitectura é realmente de chamar a atención. Mais a infrautilización e a falta de publicidade é a primeira das impresións que podemos levar tan pronto entramos, unha vez vemos o coqueto salón de actos con proxector, as escamas de cinc que impermeabilizaban as antigas paredes, con ‘graffitis’ de antano, e os cabeceiros metálicos daquelas camas dos acollidos no hospicio, colocados á vista do visitante, alén do profundo pozo na entrada, ou as preciosas escaleiras e o último andar coas trabes de madeira á vista e diáfanos lucernarios.
Mais a sensación, en definitiva, é de franca desolación. Desolación por vermos que hai soamente un ordenanza ao cargo para nos atender. Desolación porque só hai unha pequena oficina con información xuvenil. Desolación porque só houbo, desde que abriu, unha actividade dos Comerciantes de Ferrol, realizada en outubro de 2014, e unha Xogoteca provisional, seica permanente agora nun dos edificios erguidos na Praza de España.
Seguindo cos exemplos, o Centro Torrente Ballester non empatiza cos propios ferroláns, hoxe traballando exposicións artísticas con máis pena que gloria, pese ás boas instalacións.
O Ateneo Ferrolán, mal que ben funcionando á súa maneira, foi repartido por mandato municipal con outras asociacións e convertido o edificio nunha intervención arquitectónica francamente surrealista, contraria á máis básica funcionalidade debida. O meritorio e magnífico museo de historia natural da SGHN (antes no vello hospicio), referente para biólogos de todas as partes e agora no vello cuartel de Canido, agarda a que sexa reparada unha parte do tellado, mentres a auga entra pola parede do salón de actos.
Asistimos, en fin, a unha cultura e a unha sociedade chamadas a un xogo de mudanzas. Mais estaremos a caer na falsidade do efémero? Oxalá nos enganemos. Custa crer, enténdano, que as materias escolares clásicas (Lingua, Matemáticas, Historia, etc.) non sexan xa o que eran, transformadas en verdadeiros caixóns de xastre, en contedores multiusos talvez? Hoxe as universidades son obxecto de disputa e rapina por parte de grupos financeiros que a tentan fagocitar con pseudouniversidades, mesmo ao estilo anglosaxón de colleges.
En suma, pois, que os mal chamados contedores multiusos, tal o vello hospicio de que partiamos, nacen xa tarados, continentes só mais sen contido verdadeiro.

 

CONTENEDORES MULTIUSOS

Te puede interesar