A CONCIENCIA DO MUNDO

Falarmos de conciencia é falarmos do que somos canto seres, canto raza humana, canto individuos racionais que vivimos inmersos en sociedades complexas. A capacidade de raciocinio é a que pula de nós e sóbenos nesa escala do mundo animal de que os outros animais carecen. Como tales seres, sentimos, sufrimos, amamos, adoentamos, etc. pero, máis que nada, temos capacidade para poder pensar.
Así pois, a nosa intelixencia superior permítenos –para ben ou para mal– poder evoluír, fornecernos de habilidades que contribúan ao noso progreso, provernos de ferramentas que favorezan a creación de sociedades máis xustas, etc., ora os paradoxos e contradicións acudan a nós con maior frecuencia da debida, tornando a paz en guerra, o sentido da xustiza no seu contrario e o progreso en sometemento, cando non en feroz destrución.
O pasado 13 de abril deixáronnos dous dos grandes vultos do noso tempo. Dous escritores, dous intelectuais ou, o que é o mesmo, dous pensadores. Homes que contribuíron, munidos da súa pluma ou do seu teclado, para este noso mundo tentar ser un bocadiño mellor. Estámonos referir ao alemán Günter Grass e ao uruguaio Eduardo Galeano. Tampouco queremos dicir que sexan os escritores un revulsivo, capaces de virar o mundo, tal que por exemplo o son os ideólogos. Pero si coadxuvantes neste proceso, canto que son sementadores de conciencia, e os referentes en que desexariamos vernos reflectidos.
A altura moral de G. Grass, ao revelar á opinión pública a súa implicación nas Waffen SS sendo moi novo, dan fe da grandeza do autor que tentou exorcizar todos os demos da Alemaña do séc.XX, cunha aguda capacidade de observación e análise tinxidas de humor. E non digamos da de E. Galeano, escritor inclasificábel, e creador de tantas frases lapidarias.
“El mundo se divide, sobre todo, entre indignos e indignados, y ya sabrá cada quien de qué lado quiere o puede estar...””, dixera cando a toma de posesión de Evo Morales. O seu compromiso político e moral fica aquí resumido, defensor dos ‘ninguén’ e reputado autor de “Las venas abiertas de América Latina”.
Macondo é o territorio nutricio do realismo máxico de García Márquez. O fabulador envolvente, de extraordinarias historias que só poden acontecer nun espazo como o que el habitou, foi tamén home de intervención, comprometido cunha solución digna para Latinoamérica. Mais non menos o foi o noso caro Saramago, igualmente implicado na causa dos ‘ninguén’. A explotación dos ricos sobre os pobres, ou a loita entre o ben e o mal —pensemos na corrupción relixiosa—, son constantes na súa escrita, perceptíbeis en calquera das súas obras. E aínda nun J. L. Sampredo, co seu “Credo Personal” pendurado da súa páxina web como verdadeiro testamento vital, compromiso solidario cos da súa especie. Loitou contra os dogmas opresores e sempre acreditou no Home sen fisuras. En suma, un optimista radical, ademais de poderoso creador narrativo, cunha visión heterodoxa e comprometida.  
Este vívido universo literario a pesar de que fisicamente nos teñan abandonado todos en ben poucos anos, vénnos ao pensamento após lido a Amin Maalouf: a novela “Los desorientados” e a sorte de crónica biográfica titulada “Orígenes”.
E postos a pensar, caemos na conta de cantos escritores significativos e transcendentais (humanamente empáticos), nos teñen deixado en tan pouquiño tempo. A. Maalouf –por moitos máis anos goce de boa saúde e letras–, pertence a esa mesma casta de escritores. Talvez sen raiar á altura dun Gabo ou dun Saramago, é obvio que o seu compromiso ético non nos ha de deixar indiferentes.
Empeñado en querer dar sentido a unha atribulada existencia como a da sociedade libanesa, trazada por turco-otomanos e sirios, e antes por fenicios, asirios, gregos e romanos, e amalgamada polas culturas relixiosas cristiás e musulmás (até hebreas) de distintas igrexas, asómase decote con curioso interese, con sensibilidade precisa para tentar comprender, mesmo na adversidade, o mundo dun e o dos outros.
Botros, tío-avó seu, é un dos protagonistas de “Orígenes”. Malia ser católico, abrazou o laicismo, e quíxoo implantar na súa escola, que era mixta. Foi profesor na Escola Universal, aberta grazas ao diñeiro da igrexa presbiteriana. Vivían na montaña, onde todos eran cristiáns de distintas confesións. Ideas avanzadas, por outro lado, para unha familia humilde que tanto se tiña dispersado: Cuba, EE.UU, Exipto, Francia... “Pertenzo a unha tribo que, desde sempre, vive como nómade nun deserto do tamaño do mundo. Os nosos países son oasis dos que nos imos cando seca o manancial: as nosas casas son tendas vestidas de pedra; as nosas nacionalidades dependen de datas e de barcos. O único que nos vincula, por encima das xeracións, por encima dos barcos, por encima da Babel das linguas, é o murmurio dun apelido”. A súa condición universalista véselle que vén escrito no código xenético desde xeracións, razón que mellor afianza se cabe esa conciencia do mundo que aos grandes lles pertence.

 

A CONCIENCIA DO MUNDO

Te puede interesar