CEMITERIOS MOI VIVOS

De maneira xenérica, o cemiterio acostuma ser a derradeira morada dunha parte ben significativa da humanidade. Na nosa realidade particular, debedores da tradición cristiá, os camposantos das igrexas parroquiais viñan ser onde tradicionalmente se realizaban os enterramentos. Os máis pudentes (nobres e ricos homes) facíanse inhumar dentro dos propios templos.
En Ferrol era no convento de S. Francisco, mais o concello, en 1775, comprou tres ferrados de terra en Canido para erguer o que sería o primeiro cemiterio de Galiza construído no extrarradio dun núcleo urbano. Cómpre dicir, porén, que ningún veciño desexaba ser aquí soterrado. En 1776, cóubolle a honra a un tal Pedro Piñeiro de ser o primeiro, e a 57 ferroláns entre 1780 e 1784. En 1801, a xunta de sanidade do porto prohíbe máis enterramentos en igrexas, e en 1804, o gobernador proclama un edito obrigando a todos os falecidos seren enterrados no novo cemiterio.  
“O Pedro Sande, artífice confeso de que pasasen por diante do Cemiterio Colón, pedira ao chófer que diminuíse a velocidade, pois a visión da entrada, aínda na fugacidade, ben valía a pena [...]. Os tres arcos contiñan cadansúa arquivolta e tímpanos ao xeito das igrexas medievais galegas, e aínda despois un grupo escultórico labrado sobre el en mármore de Carrara, simbolizando o tríptico das virtudes teologais: Fe, Esperanza e Caridade. Ignorantes da magnificencia daquel camposanto de 1870, [...] referiulles un pouco da súa historia. Faloulles da morea de paisanos que alí xacían e das capelas e panteóns dedicados a diferentes comarcas do país, os cales acollían os restos de tantísimos homes da Terra que a Cuba foran traballar e que desde 1870 até o día de hoxe alí se lles dera sepultura. Tratábase o cemiterio, en fin, dunha das maiores obras monumentais da capital cubana”.
Neste fragmento, da novela inédita da nosa autoría, O sentido da procura, recóllese a descrición do magnífico pórtico neorrománico do cemiterio Colón da Habana. Cemiterio, por certo, da autoría do ferrolán Calixto Loira e onde tantos galegos residentes na capital cubana acabaron dando cos seus ósos. E é que, tentando deixar de lado o elemento funesto que toda necrópole poida comportar, ben certo é que existen polo mundo cemiterios dignos de ser visitados por motivos culturais ou turísticos.
Fálase na actualidade, mesmo, do necroturismo ou tanatoturismo, e contamos cunha Asociación de Cemiterios Significativos de Europa. Cemiterios como omunicipal de Bilbo, con elementos de arte funeraria dos máis emblemáticos de toda España; Polloe, de Donostia, con grandes panteóns e Clara Campoamor nel enterrada; o Vello de Elxe, con panteóns e edificios neoclásicos, neomudéxares, neorrománicos, neogóticos, modernistas e art decó; o de Avilés, con significativos e relevantes grupos escultóricos; o Mpal. de Criego, en Santander; o S. Rafael de Córdoba; ou os tan espléndidos cataláns dos Capuchinos de Mataró, cos seus maxestosos panteóns;  o de S. Sebatià de Sitges, con moitos de indianos; ou o de Vilanova i la Geltrú, con tumbas modernistas.
O Estado Español conta con non menos de 25 cemiterios pertencentes a esta rede. Máis de 180 en toda Europa, por 22 países, 4 localizados en terras galegas: o Cemiterio de Lugo, o de Sta. Mariña de Dozo en Cambados, o Cemiterio dos Ingleses de Camariñas, e o de Sto. Amaro da Coruña. Fantástico, este último, tanto pola calidade artística funeraria (co seu singular emprazamento debruzado sobre o Atlántico) como polas visitas teatralizadas. O itinerario repasa desde elementos de carácter simbólico (mouchos, mouras...) e curiosos (o corazón de Espoz y Mina, a tumba do neno heroe, o Portalén da familia de la Iglesia...), a propiamente artísticos (panteóns de distintos estilos, esculturas...), ás sepulturas de creadores, historiadores e científicos (o poeta Pondal, o novelista Fdez. Flórez, o músico Castro Chané, o naturalista López Seoane...) ou de políticos e militares (o alcalde Alfonso Molina, o sacerdote Moncho Valcarce ou o empresario Barrié de la Maza).
É nos frontispicios de moitas necrópoles onde as sentenzas se tornan na advertencia preliminar daquilo que nos virá a suceder un día a todos: “Eu fun como ti es, ti serás como eu son”, “O termo da vida aquí o vedes, o destino da alma segundo obredes”, etc.
As crenzas que cadaquén leva consigo, ou o sentido da transcendencia, fan que moitos seres humanos queiramos levar connosco algo que nos poida converter en inmortais. Así fixeran os faraóns exipcios coas  pirámides ou o primeiro emperador chinés coas Tumbas dos Guerreiros de Terracota.
Panteóns como o de París, mausoleos como o de Atatürk de Ankara, as Catacumbas de Roma, cemiterios como o de Colleville-sur-mere (9.500 soldados mortos) en Normandía ou os máis afamados de Père-Lachaise, o xudeu de Praga ou o de Mirogoj de Zagreb. Cemiterios moi vivos, polo moito que nos din, aínda que non tanto como o da Cidade dos Mortos do Cairo, con medio millón de persoas vivas a residir nel.

 

CEMITERIOS MOI VIVOS

Te puede interesar