Bibliotecas e adxacencias

Liamos días atrás a nova moda, cando menos no que ao noso país se refire, dos obradoiros de escrita. Alumnado máis ou menos aplicado, pero tamén con perfís e inquietudes distintas, que acode a eles con verdadeiro entusiasmo. Haino que vai porque ten unha clara vocación de escritor que o que quere é afianzar diferentes tipos de técnicas, e hai outro que, ao ser un gran lector, o que quere é experimentar desde o outro lado, agora como creador. E como unha cousa leva a outra, isto veunos lembrar unha conversa mantida non hai demasiado tempo con respecto á carreira de Belas Artes. Ditos estudos universitarios, dun xeito xeral, inciden no que se refire á formación netamente artística da persoa, a cal haberá de obter, unha vez terminada a carreira, a súa licenciatura, agora chamada grao. O estudante, xa desde o primeiro curso, debe crear obras pictóricas, escultóricas, audiovisuais, etc. que serán obxecto de análise e valoración por parte do profesorado. Quérese dicir, non se trata simplemente da adquisición por parte do discente de coñecementos teóricos sobre diversas correntes artísticas, de estudar estilos, técnicas, de avaliar unha obra creada. Belas Artes, en suma, o que fai é formar, aínda que se cadra mellor sería dicir que o que fai é dar un título regrado de artista e aos artistas.
Como sucede con tantísimas outras cousas, ao noso país chéganlle certo tipo de modas ou necesidades que van xurdindo, moito máis tarde que a outros. A literatura de peto, por exemplo, amplamente difundida polo mundo anglosaxón, polo escandinavo, polo alemán, etc. leva instalada entre nós desde hai relativamente pouco. Dita literatura de consumo que hoxe asociamos a supervendas e xéneros á moda, como o policíaco, o vampiresco ou o erótico e, ademais, a un prezo asequíbel, é produto de menos de vinte anos para acá. Cómpre que digamos, así mesmo, que nunca os índices de lectura foron moi elevados por estes pagos. Seguramente, se fixésemos unha pequena indagación nas bibliotecas da nosa cidade e tirásemos números acerca de usuarios en sala e de persoas que retiran libros das bibliotecas, máis dunha persoa se habería de ruborizar. Certo é que conceptualmente, e isto xa sería tema para un intenso debate, a biblioteca deixou de ser o que, polo menos, durante o pasado século significaba. Ese amplo espazo, ás veces inmensísimo, habilitado como continente para libros onde poder consultar, estudar, retirar exemplares, etc. pasou ultimamente á condición de algo máis: ludoteca, sala de presentación de libros e eventos culturais, clubs de lectura, etc. Todo, como cabe entender, polo bon aproveitamento e difusión do que, en definitiva, ha de ser a finalidade dunha biblioteca: a lectura.
Entramos así, en certo modo, no que é o miolo da cuestión. Sen necesidade de datos empíricos, tanto o exercicio profesional de profesor que desenvolvemos, alén do de escritor, permítemos falar cunha certa propiedade acerca disto. Créannos, logo, se lles dicimos que lles podemos confirmar esta caída na cifra de lectores. As citadas medidas de estímulo, lonxe de aumentar ou de estabilizar o seu número, non conseguiron frear o seu descenso. Haberá quen nos negue a maior, e estamos a pensar nos abandeirados do positivismo, que nos falarán doutras formas de lectura actuais: internet, WhatsApp, tuenti, twiter, etc. As novas tecnoloxías, certo é, mudaron hábitos de forma radical, mesmo as nosas formas de relación, pero tamén o cinema ou o xeito de escoitar música. Saber ler non significa, necesariamente, comprender. A lectura e a comprensión deben arrancar de maneira conxunta desde que o neno, a unha tenra idade, se inicia nese camiño. Pero este segundo proceso, absolutamente necesario na asimilación de contidos dun texto, é o que sen dúbida máis se descoida. Que non todo o mundo gosta de ler, certo é tamén. Mais non é menos certo que esta actividade, e unha exixencia nas nosas lecturas, fainos cidadáns máis libres á hora de razoar e elaborar pensamentos, isto é, capacítanos para termos un criterio máis definido.
Contrariamente ás Belas Artes, as Filoloxías non forman escritores nun sentido estrito, pois carecen dunha especificidade para tal preparación. O cal non impide que deixe de ser unha boa canteira –así como Xornalismo– para a adquisición e afianzamento desa virtude artística, inherente a elas, e que agora até dúas universidades a oferten como posgrao. Dúbida non ten de que a demanda social dos obradoiros de escrita aí está. Estraña ecuación, doutra parte, sabendo que se le moito menos. Sexa como for, deámoslles a benvinda, así como ás edicións de libros a demanda, quer en papel quer dixitais. Unha nova realidade, teimuda e vigorosa, que veu mudar hábitos e, en consecuencia, a sociedade. A biblioteca de Assurbanipal, a máis antiga do mundo, ou a de Alexandría, a máis famosa, xa fan parte dos anais da Historia. Oxalá a Biblioteca Dixital Mundial, e análogas, saiban tomar o relevo para facelas rexurdir cal ave fenix das súas ruínas.

 

Bibliotecas e adxacencias

Te puede interesar