Siria desángrase polos catro costados desde que a guerra se desatou o 15 de marzo de 2011. Máis de tres anos en que un dos países árabes con maior estabilidade na zona entraba nese tremendo vórtice de horror. Tornarase acaso nun conflito encistado, noutro máis, como os varios abertos no continente africano? A un até lle pasa pola cabeza que se veña a converter nun novo Líbano, por esa sorte de nin arre nin xo, como o que perdurou de 1975 a 1990 e que devastou ese oasis de tolerancia do Oriente Medio que representara o país dos cedros até eses instantes.
A fallida primavera árabe iniciouse en Tunisia en decembro de 2010, e a Tunisia seguiulle Exipto, Libia, Iemen, Bahrain, etc. sumándose logo un rosario de estados, cuxos cidadáns saíron á rúa para desafiar os seus gobernos autoritarios. Nun sentido xenérico, a petición de liberdades e garantías democráticas, a demanda de traballo, a protesta pola carestía dos alimentos, etc. foron os detonantes de tales levantamentos. Mais infelizmente os resultados obtidos non están a ser todo o bos que se presumían. Si houbo caídas de gobernos, como os de Tunisia, Exipto, Xordania, Iemen ou Kuwait, os cales, todo hai que dicilo, tampouco supuxeron mudanzas substanciais. En Libia, como se sabe, a mudanza veu precedida dunha cruenta guerra civil, a cal conseguiría derrocar a Gadafi.
Mais centremos agora as nosas miradas sobre Siria e deixemos a un lado cal dos dous bandos contendentes poida levar máis razón no confronto armado. O que si é obvio é que, a curto prazo, non se enxerga unha saída fácil ao conflito. Máis de dous millóns de desprazados viven, moitos deles malviven, en campos de refuxiados, sobre todo en países da contorna: Líbano, Iraq, Turquía, Xordanía, Exipto. Os mortos superan, segundo os cálculos máis optimistas, o número de 150.000, e nin sabemos canto ha de ser o de feridos. Con todo, e malia este horripilante contexto, aínda é posíbel proxectar algunha luz. Referímonos a “Arte x Siria”, unha bonita exposición que puido ser visitada na Fundación Novacaixagalicia até o 13 de xuño, e que veu ser un dos mellores tributos que se podía ter feito aos nenos sirios refuxiados por causa da guerra.
A solidariedade (a recadación de fondos) foi canalizada a través da Unicef. A venda de cadros, uns de porte mediano –bonitos óleos de Francisco Carreño, centrados tematicamente en restos de templos grecolatinos; acuarelas dun meandro do Éufrates en diversos instantes do día–, outros de porte máis pequeno –os “Fragmentos da memoria” de Franchu Medialdea: retallos de cidades tipicamente árabes cos seus zocos, minaretes, cúpulas, azoteas, rúas, medinas...–, e até excelentes fotografías con retratos de meniños, de Eloy Taboada, en que as limpas miradas, dunha franqueza e naturalidade pasmosas, se converten no motivo central; ou, aínda, esoutras instantáneas máis técnicas de Víctor Rivera, as dos útiles para a catalogación das distintas vasillas e obxectos que van sendo achados nesta fascinante escavación do Medio Éufrates Sirio.
Dirixido polo profesor da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, Juan-Luis Montero Fenollós, o citado proxecto arqueolóxico iniciábase no 2005. Sete anos ininterrompidos de escavación e investigación rigorosa que teñen rescatado desa codia de sedimentos –terra e adobe sobre todo– múltiplas representacións, cerámicas basicamente, fundamentais para o coñecemento da historia antiga e, en suma, para saber acerca das culturas que foron berce da nosa civilización. O achado dun selo cilíndrico e de dúas interesantísimas taboíñas cuneiformes de arxila do séc.XIII a.C. –primeiros textos procedentes dun lugar medioasirio do val do medio Éufrates–, confirma a importancia politico-económica do lugar. En resumo, logo, os esforzos do traballo de campo levado a cabo por este equipo hispano-sirio centrouse na garganta de Khanuqa, no río Éufrates, eixo fundamental das comunicacións fluviais que deron pé ao nacemento dos primeiros asentamentos urbanos da cultura de Uruk, así como a posterior fronteira norte do poderoso reino de Mari.
Falamos en pasado deste proxecto, e non porque queiramos que acabe, senón porque a guerra freou calquera posibilidade de continuidade. O profesor Montero Fenollós escribía no folleto da exposición acerca de canto se mutila coa barbarie que hoxe devasta Siria. E, acerca da universidade, incidía nos piares básicos en que ela asenta: a formación de futuras xeracións e a investigación. Mais subliñaba tamén a súa responsabilidade social.
Así pois, a hospitalidade, a xenerosidade do pobo sirio co cal traballaron, as experiencias acumuladas polos compoñentes da expedición, e eses nenos das aldeas, dos que sempre estaban rodeados, e que encarnan a maior das inocencias, claman por un inmediato socorro.
As-salam aleikum ‘a paz sexa convosco’, así iniciaba e así findaba o texto do folleto, precioso propósito e ao cal aínda sería posíbel achegarmos o noso graíño de area a través dunha compra online.