ALBERT HAMMOND EN ESPAÑOL

Ai!, tempos aqueles en que un xibraltareño de prol se dignaba a cantar en español. Franco morría sen ver solucionado o humillante contencioso cos británicos, pero que un xibraltareño cantase en español parecía pouco menos que ter colocado, por fin!, unha pica en Flandres. Vellos e novos apuntabámonos a cantar ou tararear “Eres como una espinita que se me ha clavado en el corazón…” ou “Échame a mí la culpa de lo que pase…”, e Xibraltar semellaba ser un miaxa máis noso. Tempos aqueles!
Nos sesenta, o goberno franquista actuara na ONU para tentar dar solución ao eterno conflito. Varias das resolucións aprobadas falaban do estabelecemento dun proceso de descolonización e conversas bilaterias co fin de chegar a un acordo entre as partes. A metrópole sometera a referendo a posibilidade da autodeterminación, e os cidadáns xibraltareños responderan afirmativamente, mudando o seu status de colonia para o de Territorio Británico de Ultramar. En consecuencia, a reacción de Franco non se fixo esperar, e a popular “verja” permaneceu fechada desde 1969 até 1982, ano en que o goberno de F. González aprobou a súa reapertura para o tránsito de peóns. O dano, porén, xa estaba feito, co conseguinte impacto económico, tanto para os millares de españois que traballaban no Peñón como para os propios xibraltareños.
E nesas andamos até o día de hoxe. A última (que non derradeira) bravata do goberno do Peñón, coa fondeadura de bloques de cemento á baía de Alxeciras, e o exabrupto do ministro de exteriores, García-Margallo, co exceso de celo no control da fronteira para desesperación dos usuarios. Medida á que cabe a posibilidade de engadírselle a chamada “taxa de conxestión” de 50 euros a todo vehículo que entre ou saia do Peñón, agás os 4.000 traballadores españois que van traballar a diario a Xibraltar. Pero velaquí que, coas espadas en alto, zarpa de Portsmouth unha frota británica, tres fragatas e un portaavións, e algúns medios de comunicación falan de, pouco menos, ambiente prebélico. Cárganse aquí as tintas e déixase para a letra pequena o feito de se tratar dunha actividade rutineira, pois é habitual o tránsito de buques británicos, con escala en Xibraltar, así como as manobras militares (nesta ocasión, bautizadas como as “Cougar 13”, que se estenderán a outras áreas do Mediterráneo), que non se programan dun día para outro.
“Al alba y con tiempo duro de levante...”, foron as primeiras palabras de F. Trillo, en 2002, para describir perante o Congreso o glorioso asalto dos “boinas verdes” a Perejil, coa conseguinte expulsión da media ducia de marroquís alí atrincheirados. Claro que se trataba dun illote case pegado a territorio marroquí e sen maior interese económico, nin sequera estratéxico, ademais deshabitado. Territorio que, como outros de dubidoso interese na actualidade –Alhucemas e Chafarinas ou o Peñón de Vélez de la Gomera–, só con guarnicións militares, son motivo de constantes retesías diplomáticas co goberno alauí. Nin pola imaxinación se nos pasa que o bisneto de Juan García Margallo –gobernador de Melilla que fixo sublevar aos naturais, ocasionando a I Guerra do Rif, logo de construír unha fortificación ao carón da tumba dunha persoa santa–, se nos meta a limpador-de-honras-do-maltreito-orgullo-español tentando unha bravata, agora co do Peñón de Xibraltar.
A boas horas nos lembramos de Xibraltar ser un paraíso fiscal. E as Illas Anglo-normandas ou a de Man, unhas e outras en Europa, ou as caribeñas Illas Virxes, as famosas Caimán, Anguila, Bermudas e Turcas e Caicos. Pero que sucede coas propiedades interpostas, a evasión de impostos, o diñeiro negro, o contrabando que flúe en ambos os sentidos facéndose a vista gorda, das supostas sociedades xibraltareñas ou cidadáns seus que compran e invisten en inmóbeis na Costa do Sol? Se as autoridades hispano-británicas actuasen co debido rigor e celo legal (que non haberá de ser, dado os moitos intereses que alí se moven), o negocio e pingües beneficios que entrañan ao campo de Xibraltar desaparecerían. Fica ben para certos sectores o de levar o asunto de Xibraltar co das Malvinas, conxuntamente coa Arxentina, perante a ONU, mais non deixa de ser unha pueril perrencha. Moi patriótico, pero pouco efectivo, cando o 99% da poboación xibraltareña rexeitou a cosoberanía logo das conversas en 2002 entre Josep Piqué e Jack Straw. España nada quere saber de foros tripartitos coas autoridades xibraltareñas e británicas, pois a colonia, disque, non pode asistir en condición de igual con dous estados soberanos. Mais a maneira de se facer respectar é que está nos tribunais europeos, en que se fagan cumprir as leis, sexan de mobilidade cidadá ou de pesca e medio ambiente. Entrementres non se faga así, seguirase a marear a perdiz, e Xibraltar como tópico recorrente que focalice a atención sobre outros temas de maior calado. Logo, o dito: que nunca tan próximo estivo o Peñón de ser noso como cando Albert Hammond se dignaba a cantar en español.

 

ALBERT HAMMOND EN ESPAÑOL

Te puede interesar