Ai, Sálvora...!

Unha vez visto o título, e nese esperado automatismo, velaquí o máxico retrouso con que todos (polo menos até unha certa xeración) repitiriamos o de “ai, San Vicente!”. Canción que nos leva de excursión e de festa, e á que continuariamos dicindo iso de “as nenas bonitas están en Ourense”. Pero tamén, e para os lados das rías do sur, diríase o de ‘en Mourente’, e mesmo aquí hai quen diga o de ‘en Goente’, e seguro que outras variantes máis haberá por outros puntos do noso país. Quérese dicir, que cadaquén acaba por arrimar a brasa á súa sardiña. E é que coas cancións populares, xa se sabe... As variantes poden ser múltiplas en función do desgaste que van sufrindo nesa transmisión oral. Unha enigmática cantiga, por certo, esta de “Ai Pepiño, adiós!”, que mesmo nos levaría a ter que pensar en ánimas, se repararmos nela con maior detención.   
Canción de excursión e de festa, que expresa o que? Un certo sentido tráxico da vida? O alén, o ocaso, como talvez ocorre, dun modo xenérico coas nosas festas locais, quérese dicir, coas de Ferrol? Pénsese no San Xiao (7 de xaneiro), festa patronal, e termo de todas as precedentes do Nadal. No San Ramón (31 de agosto), cos fogos de Amboaxe, e termo das festas do verán. E mesmo na sentida –para os crentes, cando menos; non propiamente festa, aínda que tempo de lecer– Semana Santa, co Luns de Páscoa, convertido para nós en Chamorro, e termo dela. Consecuentemente, e mal que nos pese, que algo de ocaso, de fin ou conclusión si parece que poida subxacer nas nosas festas locais. Mais o conto de hoxe, perdan coidado, non vai ser acerca desa temática. 
Si especificamente de Sálvora. Da illa de Sálvora, unha das que actualmente conforman o chamado Parque Nacional das Illas Atlánticas. Localizada na boca da ría de Arousa, fai unha sorte de barreira con respecto a esoutro mar calmo callado por un bon número de polígonos de bateas, e á que se pode acceder, previo billete comprado á compañía de barcos que se dedica a tal fin, para facer por ela un bonito percurso, camiñando por unhas rotas fixas e acompañado de guía, o que serve para salvagardar a súa integridade. De forma permanente, está hoxe habitada por tan só dúas familias: a do fareiro e a do garda do parque. Ambas, polo que se pode deducir, en labores de custodia. Aínda que, debemos dicir, estivo habitada até 1972, momento en que os últimos moradores a decidiron abandonar. 
A aldea actual, e en proceso de restauración, está formada por varias casas. A tipoloxía é semellante entre elas, algo diferente na que pertenceu ao mestre, caleada, mentres que as outras teñen a pedra á vista. Todas elas conforman unha praciña rectangular, e os hórreos, oito concretamente, responden tamén a diversas tipoloxías. Dunha parte, témolos elevados sobre cepas de cantaría, cunha cámara rectangular con varais lonxitudinais de madeira, e de granito as cabeceiras. Outro, maxestoso e erguido sobre unha base ou celeiro oco, e toda a cámara de pedras tranversais, cunha magnífica e enorme eira ao carón translucindo poderío. Aínda existe un terceiro hórreo, tamén macizo de pedra granítica, con esteos ou columnas con pedras tornarratos, e a cámara integramente de pedra, semellante á do anterior. 
O Parque constitúese en 2002. Fórmano o arquipélago de Sálvora, Cíes e Ons e a illa de Cortegada. Sálvora e Cortegada foron as últimas en pasar a titularidade pública; mais anteriormente, en 1958, aquela fora recuperada pola familia Otero-Goyanes tras exercer o seu dereito de compra ao Estado español. En 2007 foi adquirida por Caixa Galicia, e o Ministerio de Medio Ambiente, logo de exercer o seu dereito de tenteo, compra o arquipélago, pasando a Xunta a ser titular, xunto co citado ministerio, en 2008. Mais a historia do poboamento vén de antigo, ligada á fábrica de salga e cunha datación non moi clara. O último propietario, o marqués de Revilla, deulle á fábrica fasquía de pazo. Elevou unha torre, amenouna, converteu a antiga cantina en capela e até introduciu cabalos e cervos para o seu solaz en temporadas de visita. 
Cunha contorna pouco humanizada e sen as masificacións das Cíes ou Ons, é posíbel ver especies botánicas sen degradar e fauna variada, caprichosas formas graníticas que sobresaen a cada pouco, ao facer a segunda rota, a do faro; saber das heroínas do Santa Isabel, paquebote que afundiu na tormentosa noite do 2 de xaneiro de 1921 con 270 persoas a bordo, e que lograran salvar a medio cento de pasaxeiros; ou lendas como a da serea dos Mariño, cunha estatua á entrada do porto. Quérese dicir, unha ben harmoniosa e recomendábel visita a Sálvora, mais coa tacha, ao noso entender, do autodesprezo, cando se nos presenta unha enquisa voluntaria en que poder valorar a visita, soamente en español e en inglés. Ocaso de país somos! Xa o ven; non era das festas que queriamos falar, senón desta estupenda illa, surrealista na canción de inicio, e non menos após a enquisa a encher, calculando que o 90% da pasaxe debía estar formada por galegos.

Ai, Sálvora...!

Te puede interesar