Acerca de Gravity

A arquicoñecida secuencia cinematográfica en branco e negro dun tren que vén de fronte e que parece botarse encima dos espectadores que foxen da sala espantados, pode ser tomada como símil con respecto ao que o 3D é capaz de provocar nos espectadores que hoxe por primeira vez poidan estar a experimentar a visualización dun filme con estoutra tecnoloxía cinematográfica máis moderna. Estámonos a referir, no primeiro caso, a “L’arrivé d’un train en gare de la Ciotat” (1895) dos irmáns Lumière. E estamos asistindo, recordemos, aos momentos inaugurais da que se habería de converter nunha das sete artes e industrias máis importantes do mundo.
“Este aparello, inventado por Auguste e Louis Lumière, permite recoller, en series de probas instantáneas, todos os movementos que, durante certo tempo, se suceden ante o obxectivo, e reproducir a continuación estes movementos proxectando, a tamaño natural, as súas imaxes sobre unha pantalla e ante unha sala enteira”. O cartel anunciador da exhibición non podía ser máis explícito, porque se trataba de dar a coñecer un enxeño absolutamente descoñecido, e que se había de mostrar no Salón Indio do Gran Café do Boulevard dos Capuchinos. As prevencións dos Lumière foran enormes, pois desconfiaban das posibilidades artísticas e económicas do invento, cuxo primeiro filme exhibido sería “La sortie des Usines Lumière, a Lyon”. Afortunadamente, porén, os medos ficarían disipados de inmediato polo éxito colleitado en todas as exhibicións.
Algo semellante ás reticencias dos irmáns Lumière aconteceu, p.e., coa invención de internet, cuxas posibilidades de éxito foran postas en cuestión, e hoxe converteuse nunha ferramenta imprescindíbel e habitual en calquera parte do mundo, alén de nos nosos fogares. A invención do cinematógrafo, por tanto, non debe ser tomado, nin moito menos, como un feito illado. A internet ten revolucionado dixitalmente as comunicacións (e a telefonía móbil en xeral) a través das popularmente coñecidas como redes sociais. Outros inventos de onte teñen pasado por semellantes vicisitudes: xa fose co tren, que tantos comentarios sobre a saúde comportaba por causa da velocidade de vertixe que as arcaicas locomotoras podían alcanzar, xa cos primitivos automóbiles con motor de explosión, xa cos primeiros aeroplanos máis pesados que o ar e iniciadores da aviación moderna.
Pero indo xa ao miolo da cuestión. Confesámolo. Somos verdadeiros inexpertos nisto do cinema 3D. O primeiro dos filmes que puidemos ver nesta tecnoloxía foi o que se proxecta antes de subir á enormísima nora panorámica da capital británica, The London Eye. Provistos dos oportunos lentes, as imaxes en tres dimensións, e que tanto impacto nos causaron, foron sucedéndose nunha sorte de filme promocional en que a man se nos escapaba para tentar poder tocar as gaivotas que voaban ao noso redor. Ese foi o noso primeiro contacto, acontecido hai xa tres anos, e o segundo, hai menos dunha semana, co filme de Alfonso Cuarón, “Gravity”. Nestoutro, os anacos dunha estación espacial rusa, ciscados tras unha explosión, orbitan enlouquecidos de arredor da Terra, entrementres os protagonistas están a reparar o seu transbordador, con graves problemas de comunicación. Parafusos, estelas metálicas, cables e demais pasan polo noso lado, de modo que parece que os poidas agarrar e até fagas o amago de facelo.
A primeira das experiencias en 3D xa nos parecera fascinante, pero nada en comparación con esta segunda, cuxa factura técnica nos parece impecábel. A sensación de ingravidez que nos quere trasmitir o filme, os obxectos e persoas que flotan ao albedrío da ausencia de gravidade e a unha velocidade proporcional ao impulso recibido, a plasticidade tan poética que nos evoca o planeta Terra que vemos nese segundo plano, pero sempre presente, e no que podemos observar nas súas particulares xeografías, as nubes e mesmo a formación de borrascas, un paseniño amañecer, así como o anoitecer e a penumbra como avanza, todo este cúmulo de elementos técnicos e recursos artísticos en xeral son os que sen dúbida dan maior grandeza ao espectáculo cinematográfico. O argumento, se cadra, si se trate do máis secundario de “Gravity”. Eilas, pois, as nosas reticencias a este respecto. O 3D como recurso técnico dános a sensación de que ten unha enorme proxección de futuro. A técnica antóllasenos do máis revolucionaria e necesaria. O espectáculo gaña sen dúbida, e o cinema, de paso, pode salvar a crise de espectadores que o asfixia sen remedio.
Tense dito que coa fin do cinema mudo, por culpa da chegada do sonoro, a imaxe perdera moito do seu brillo e da visión poética. Poida que si. Toda mudanza implica unha nova aprendizaxe, unha adecuación, un tempo de pouso. “Avatar” (2009) marcou un fito, talvez agora “Gravity”. Ese horizonte de espera, o tempo, será quizá quen marque o seu valor real. O que marca, polo de hoxe, é un fabuloso e conmovedor entretemento, alén de pular con vocación de futuro a favor da sétima arte.

Acerca de Gravity

Te puede interesar