De Sánchez e outras primaveras

Novamente Pedro Sánchez, dende o fondo silencioso deste inverno que pronto deixará de selo, camiña con paso firme entre a militancia Socialista.

Novamente Pedro Sánchez, dende o fondo silencioso deste inverno que pronto deixará de selo, camiña con paso firme entre a militancia Socialista. Ten gañado espazo entre unha parte importante da militancia, e moita credibilidade coa súa aposta firme pola defensa dunha posición política. 
Moitos lle recoñecen criterio e claridade na defensa dos postulados da esquerda. Enche actos apenas sen publicidade, e ten abraiados a baróns e oficialistas porque consegue, en pouco tempo, apoio e respaldo, incluso económico, a todo que plantexa.  Sen ruído nin confrontacións, segue recorrendo o país como dixo que faría, para darlle voz a aqueles que non foron escoitados. Moitos están sorprendidos. Seguramente, moito máis aqueles acostumados a facer dende arriba, o que non sae nin é proposto polos  de abaixo. Dende logo, hai unha potente reactivación da ilusión . As bases agora  non darán un paso atrás no seu novo papel. Queren axudar a crear proxectos globais, reforzando e facendo visíbeis as propostas de partido, pero dándolle respaldos maioritarios como militantes que son, con voz e con voto aos que falan coa súa mesma linguaxe. E Sánchez apostou por eles. 
Os que defenderon o “Non é Non”, agora están a morte co “Si é Si”. Unha parte importante da militancia, pensa que a xestora obra de parte. Incluso que o feito de que aínda exista, evidencia que a intención das manobras orquestrais na escuridade, que levan tempo producíndose,  é prexudicar invariabelmente a Pedro. 
O sentimento de agravio, despois do escuro episodio da executiva de Sánchez, aínda perdura en moitos militantes. Alguén intelixente me dixo onte, que algo terá a auga cando a bendicen... e penso que, seguramente, ten moita razón.