Da importancia dos plans B

Semella que se chegou demasiado lonxe. A demasiadas revolucións e con demasiadas frontes, que quedaron rotas e que dificultan unha reconstrución inmediata

Semella que se chegou demasiado lonxe. A demasiadas revolucións e con demasiadas frontes, que quedaron rotas e que dificultan unha reconstrución inmediata. Que pasou o de sempre. Que no plano que se manexaba non aparecían nin as fendas, nin as rochas nin os barrancos.

Xa saben aquilo de que nos mapas do tempo o sol sempre é amarelo. E moito menos a fuxida de empresas que, unha vez iniciada, promete continuar. Mas dixera ben alto que a banca e as empresas quedarían en Cataluña. Que eran cousas de meter medo á xente. Un remedo de aquilo de que ven o lobo.

Resulta que o Plan B, as alternativas clásicas que se escriben en todos os programas para caso de choivas, non figuraba en ningures. A suma da presión internacional, máis o rexeitamento claro e rotundo da Unión Europea –como xa se evidenciara por activa e por pasiva– máis a reacción do mundo da economía e a empresa, e facendo o engadido do descubrimento, e viralización nas redes sociais, das montaxes diversas para incrementar o argumento do abuso policial, arroxan un resultado que abre fisuras en certos sectores do bloque independentista.

Mas proclama que Cataluña non está preparada para unha independencia real. Entón, por que a ecuación aplicada non tiña máis de diálogo, de política e de modificacións de marcos legais, para deseñar unha estrutura do Estado diferente, e que fora maioritariamente compartida? A quen beneficiaba a urxencia? Sempre dixeron os maiores, que as presas eran malas conselleiras. E, novamente, certificamos que tiñan razón.

Grazas por facerme sentir sempre ben, dixo Ela. Sempre estás perfecta –dixo El–. Xa sabes que ti es a exacta definición de inmellorable.