Queren deter ao Papa

Un grupo de cardeais da Curia Vaticana está a facerlle fronte ao papa Francisco tratando de  impedirlle que continúe coas reformas que quere poñer en marcha na Igrexa. E para conseguilo non se privan de botar man incluso das intrigas. Válelles todo no enfrontamento que este  sector, o máis conservador da Igrexa, mantén para continuar premendo ocultamente. Buscan por tódolos medios que non queden sen resposta as demandas que apareceron non hai moito nunha pegada de pamfletos cubrindo os muros de Roma. Este grupo non repara en medios no intento de conseguir que Francisco paralice o seu proxecto de abrir a Igrexa aos que se encontran en situación irregular. Son, entre outros, os divorciados voltos a casar polo civil. Para estes, o Papa que os quere acoller, delega nos bispos diocesanos a autorización para que, baixo o seu criterio, podan ou non darlles a comuñón. Francisco busca unha Igrexa tolerante cos humildes e aberta á sociedade tal como esta é, sen careta piadosa e empezando pola base. Todo o contrario do sector máis conservador da Curia Vaticana que os quere deixar fóra da Igrexa. A estes cardeais convíñalles aprender aquilo de, “quen non vive para servir non sirve para vivir”, nunha sociedade aberta e en harmonía .
Son os rigoristas que están a facer o ridículo cando arremeten con tódolos medios contra o Papa e contra o mesmo Evanxeo que se lles poña por diante. Son cegos e guías de cegos, como di o Evanxeo, que se agrupan aparentando que a razón está do seu lado. Son os mesmos que xa comezaran co seu obcecado intento pouco despois de rematado o Concilio Vaticano II, o que sentou as bases do cambio que precisaba a Igrexa burguesa e medieval que chegaba ata as mesmas portas da modernidade. Francisco anda á busca de parar co Brexit que dende hai xa algúns anos ven acosando á Igrexa. 
Deberíamos  recoñecer que tampouco estaban e están sen parte de razón a maioría dos que foron abandonando unha Igrexa na que foran bautizados pero que ofrece resistencia á apertura da sociedade que respira aires de cambio. 
Por iso Francisco é optimista e sabe que esta situación ten remedio. Maniféstao coa disposición de poñer tódolos medios para que na Igrexa reine a fraternidade e se poda encontrar o Evanxeo de Xesús o carpinteiro que morreu non intento pero deixou marcado o camiño da liberación. Un proxecto cargado de humanismo ata dala vida. Por este é polo que Francisco apostou. Por iso os reaccionarios buscan por tódolos medios impedirlle que poda avanzar.
 

Queren deter ao Papa

Te puede interesar