Dezaoito

Aínda que o tango diga que vinte anos non son nada, a verdade é que dezaoito anos na vida dun xornal como o noso Ferrol Diario, son todo un acontecemento. Lembro que case ninguén pensaba que ía ter unha vida moi longa, pois había moitas publicacións deste tipo, xa fortemente enraizadas no noso ámbito, mais mira ti por onde, o noso Diario remata de alcanzar a “maioría de idade”. Coido eu que, esta pequena fazaña, débese ao cariño que a xente da nosa comarca sente polas súas pequenas cousas, que son o motor que impulsa a cada quen na súa diaria loita pola vida. Así, o trunfo ou a derrota do equipo infantil do barrio, o nacemento dos netos ou o aniversario dunha parella de anciáns, son pequenos acontecementos que forman a nosa bagaxe e nos permiten encher o noso acervo emocional. Certo que haberá cousas que non nos gusten, porque non encaixen coas nosas ideas e sentimentos, pero esa é a grandeza do xornalismo, que nos permite coñecer e comparar. Paréceme a min, claro.

Dezaoito

Te puede interesar